Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CONGRESO DO PARTIDO POPULAR DE OURENSE

O PPdeG intenta nuclear arredor de Jiménez Morán unha alternativa a Xosé Manuel Baltar

O “baltarismo” dá por feito que o alcalde de Verín xoga co apoio de Núñez Feijoo.

Redacción - 18:33 21/12/2009

Por moito que Alberto Núñez Feijoo insista en que vai ser neutral na pelexa pola presidencia do partido en Ourense, o núcleo dirixente do PPdeG ten as súas simpatías. De cara ao congreso provincial do 30 de xaneiro, as cartas xa están boca arriba e o alcalde de Verín, Jiménez Morán, confirmou que presentará batalla contra Xosé Manuel Baltar.

Morán afirma nun comunicado que a súa candidatura quere apostar por un cambio contando con todos os candidatos. No mesmo fai fincapé na súa independencia e que lle comunicou a Xosé Luís Baltar e a Núñez Feijoo a súa decisión. Porén, nos círculos baltaristas non cren que a dirección do PPdeG sexa allea a este movemento. Todo o contrario.

Jiménez Morán, ATS de profesión, é o acalde do concello con máis habitantes (algo máis de 14 mil) que gobernan os conservadores de Ourense. Pero, por que dá o paso adiante? Para os de Baltar o movemento está auspiciado pola cúpula do PPdeG. Jiménez Morán é membro do Consello da RTVG dende hai anos e figura na dirección dos “populares” galegos. Dende maio de 2005 encárgase da área de Acción Electoral do PPdeG.

Outras fontes consultadas lembran conflitos de tipo local que foron arrefriando a relación cos baltaristas. Catro meses antes dos últimos comicios locais, en xaneiro de 2007, un concelleiro do PP de Verín, Alberto Prieto, anunciaba que abandonaba a formación e a acta polas súas diferenzas con Jiménez Morán. Prieto, que era un partidario de Baltar, tivo que buscar acoubillo baixo siglas independentes. As eleccións reforzaron o papel de Jiménez Morán que recuperou a alcaldía e se converteu nun dos maiores referentes municipais do PP ourensán.

Mentres os de Baltar mostraba o seu enfado polo escaso peso do PP de Ourense no novo goberno, Núñez Feijoo dáballe un “premio” ao PP de Verín que non pasou desapercibido. A número dous de Jiménez Morán, Carmen Pardo, pasaba a ocupar a Secretaría Xeral de Turismo.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: