Dende o BNG reiteran que a Xunta desmantela o ente público para que as “empresas amigas” fagan negocio.
Arredor de 200 traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar saíron á rúa este xoves en Compostela para protestar contra a privatización dos servizos públicos. Os manifestantes piden que se paralice o proceso de despedimento de 61 traballadores de oficinas I+B aos que xa lles chegou esta semana a carta de rescisión (rematarán o contrato o día 31). Segundo a CIG, sindicato que convocou o paro, o seguimento da xornada de folga nos centros de traballo achegouse ao 90%.
Os manifestantes tamén exixen que se aplique o convenio colectivo acordado no seu día e que se celebren as oposicións que paralizou o novo Goberno. Dende a CIG anunciaron un calendario de mobilizacións que finalizará o vindeiro día 30 de xaneiro cunha “gran manifestación”.
Até a concentración acudiron os deputados nacionalistas Carlos Aymerich, Ana Pontón e Bieito Lobeira. Aymerich manifestou o seu “apoio absoluto” ás reivindicaciónse sinalou que “a Xunta quere desmantelar un modelo que puxo en marcha dende a nada o BNG para entregarllo a empresas amigas”. O voceiro nacionalista preguntou en voz alta se unha irmá de Núñez Feijoo, traballadora do Grupo Eulen, “vai ser unha das beneficiadas por estas privatizacións”.