Despois de dúas horas de deliberacións, o xurado fixo pública a súa decisión, baseada en que o autor revitalizou os formatos da poesía clásica.
O escritor Xabier Rodríguez Baixeras foi o gañador do oitavo Premio de Poesía Caixanova, dotado con 12 mil euros, coa súa obra Deserto Diamantino. Este xoves deron a coñecer o veredicto do xurado o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, e o presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar, despois dunhas dúas horas de deliberacións
Escolleuse o poemario de Rodríguez Baixeras, presentado baixo o lema "Areoura", de entre 55 propostas, por considerar que a súa obra retoma aspectos do mundo poético cĺásico "maxistralmente engarzados coa herencia da linguaxe patrimonial". Tamén, segundo o xurado, o texto formula unha "fonda reflexión dende a experiencia da madurez vital e literaria, apostando por unha revitalización da poesía estrófica e rimada".
O premio de poesía, organizado por Caixanova e polo Pen Clube e un dos de maior dotación dos que se convocan en Galiza, ofrece tamén a oportunidade de publicar as obras seleccionadas na colección "Arte de Trobar". O acto de entrega do VIII Premio de Poesía Caixanova terá lugar na primavera de 2010.