O Goberno rescinde 61 contratos de “obra e servizo” a pesar de que asegura que non suprimirá os programas que estaban a levar a cabo.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar comezou a enviarlle esta semana as cartas de despedimento a 61 traballadores das oficinas comarcais de Igualdade e Benestar (I+B). No documento, o organismo público, dependente da Consellaría de Familia e Benestar, sinálalles que a final deste mesmo mes rescindirán os seus contratos de “obra e servizo”. O Goberno entende que o 31 de decembro remataba a relación laboral. Porén, os representantes dos traballadores dan por feito que estes despedimentos son improcedentes xa que a propia Xunta confirmou que os programas que están a desenvolver as oficinas van seguir durante o vindeiro ano, polo que se entende que a obra e servizo prosegue.
Rematan así dous meses de pulso entre traballadores e Goberno que comezou cunhas polémicas declaracións da secretaria xeral de Familia e Benestar. En outubro, quixo achanzar a decisión política que agora se toma asegurando que os traballadores contratados na etapa do bipartito non pasaran ningún proceso de selección. Os afectados demostraron a existencia dos concursos regulamentarios e exixiron a rectificación inmediata da alto cargo. O enfrontamento entrou na vía xudicial. Un grupo de técnicas das oficinas I+B presentaron unha querela contra López Abella que está a tramitar un xulgado de Compostela.
Dende a oposición política acusaron ao executivo de intentar desacreditar aos empregados públicos para poder xustificar publicamente a abolición de servizos públicos. A pesar das protestas, das recollidas de sinaturas e do apoio que moitos concellos e colectivos, o executivo negouse a reconsiderar a súa decisión.
Nova folga no Consorcio
Mentres, este mesmo xoves volverá haber mobilizacións no Consorcio. Os 1.200 traballadores están chamados pola CIG a unha xornada de folga na que se reivindica a aplicación do convenio, a convocatoria de oposicións pendentes e a paralización da supresión de servizos.