Post-rock catoirense os primeiros, roqueiros ourensáns os segundos, xa descargábeis os seus respectivos traballos.
"Hanom ausse é un proxecto punk, na acepción de faino ti mesmo, ao teu xeito. Non hai obxectivos nin busca, só o pracer de xuntar pezas nun puzzle sen enmarcación: repetición, erro, aburrimento e desafinación. Como di a rapaza ao final de 'd.r.i.m.i.n.': one of those sleepy daydreams. As influencias? Hood, Piano Magic, Low, The Cure, Savoy Grand, Dj Shadow, Matt Elliott e un longo, longo etc... pero as influencias non sempre resultan evidentes, explícitas (de feito nunca deberan selo)"
Así se presenta n'A Regueifa Plataforma o proxecto Hanom Ausse, onde xa soubéramos del a finais do ano pasado co traballo Metembistte. Agora, xa descargábel de balde Summtranses, oito pezas de música instrumental feita na casa.
Outra novidade, Leite de Nai, grupo de rock xurdido en Ourense a finais de 2005 das cinsas dos Singuer Mornins, "onde os tres membros iniciais se adicaban a esmagullar cancións de rock tradicionais". "Trala separación, os tres compoñentes de Leite de Nai, Óscar (baixo e voz), Martín (guitarra) e Jose Antonio “bush” (percusión), lánzanse á difícil tarefa de compoñer temas propios nunha onda máis funki, pero con altas doses de rock-dígase-alternativo, e cantando no idioma mamado: galego". Achegan á Regueifa o disco Mirando ao ceo.
A Regueifa Plataforma é un netlabel sen ánimo de lucro dende o que todos aqueles creadores e creadoras que o desexen poden difundir, distribuír e amosar a súa obra libremente baixo licenza Copyleft.