A mediados de 2011 converteríase no único país do mundo cunha rede a nivel estatal para o abastecemento destes vehículos.
"Portugal desexa ser o único país do mundo que, moi en breve, terá, non unha rede local de abastecemento e carga, non unha rede nunha cidade, senón unha rede verdadeiramente estatal, que abranguerá todo o territorio nacional". Afirmábao deste xeito o primeiro ministro portugués, José Sócrates. O mandatario luso recordou que o seu goberno xa anunciara a súa vontade de despregar esa rede, mais subliñou que agora, o obxectivo é que estea operativa xa a mediados de 2011. Serán arredor de 1.300 puntos de recarga nesa altura, dos que a cuarta parte xa estaba previsto que fosen operativos en 2010.
"Cando todos os fabricantes cheguen ao mercado cos seus próximos coches eléctricos, Portugal estará en condicións de ofrecerlle aos consumidores, a un prezo competitivo, unha rede nacional de carga", explicou Sócrates, en referencia aos proxectos anunciados por diversas marcas para os meses vindeiros ao respecto dos novos vehículos que con esta tecnoloxía aparecerán no mercado. Xustamente, o primeiro ministro fixo estas declaracións durante a confirmación oficial de que a fábrica de baterías para coches eléctricos froito do acordo de Renault e Nissan será construída na localidade de Aveiro. Sócrates cualificou de "investimento estratéxico" a aposta por esta factoría e, facendo mención da cimeira que estes días se celebra en Copenhaguen, salientou tamén a vontade do goberno portugués de apoiar iniciativas a prol dunha economía "máis verde e sustentada nas enerxías renovábeis".
Para ampliar: