Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este mércores no Parlamento

PP e PSdeG amparan o plus de altos cargos

A Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG para a supresión desta bonificación só é apoiada polo grupo do BNG.

Redacción - 16:15 09/12/2009


A reiterada invocación do "suposto principio de austeridade" ao que o Goberno e o grupo parlamentario do PP acostuman a referirse nos últimos tempos foi un dos argumentos expostos por Suso Seixo, secretario xeral da CIG, na súa intervención este mércores na Cámara en favor da Iniciativa Lexislativa Popular que solicitaba a derrogación do plus dos altos cargos. Recordou Suso Seixo a erosión recentemente asinada nos orzamentos da Xunta para o ano que vén de diversas contías nas áreas de Sanidade ou Educación e mesmo a conxelación salarial para os empregados públicos, contrapoñendo ese escenario co da teima do Goberno en manter esta polémica bonificación.

Por outro lado, na súa comparecencia no Parlamento en representación da formación sindical que promoveu a recollida de sinaturas para a celebración deste debate, recordou o voceiro da CIG a "profunda fenda" que este burato lexislativo deixa entre o funcionariado de carreira e o resto dos cidadáns que, non sendo funcionarios públicos, desempeñaron ou van desempeñar nalgún momento das súas vidas cargos de representación política. Censurou así a introdución dun nivel retributivo "supremo" que só poden alcanzar os funcionarios que desempeñaron altos cargos de designación política e nunca os funcionarios que seguen unha carreira ordinaria, "por exemplar e brillante que esta sexa".

O BNG convida a corrixir o erro, PPdeG e PSdeG pechan filas
Portavoz este mércores do grupo parlamentario do BNG, o ex conselleiro Alfredo Suárez Canal pediu aproveitar a ILP para "corrixir" o que cualificou de "erro". Dese xeito, insistiu Suárez Canal en que se axudaría a "restabelecer o descrédito da actividade política" e gañar en "credibilidade". Ao tempo, recordou, que a administración aforraría recursos para outros ámbitos.

Da parte do PSdeG, o deputado Xosé Manuel Lage Tuñas opinou que a reforma da lei da función pública acometida na anterior lexislatura foi, desde un punto de vista global, un paso "importante" na modernización e profesionalización da administración. "Se estamos dispostos a dar o debate, hai que falar de cal é o modelo de función pública que queremos", afirmou, rexeitando a reforma concreta reivindicada pola ILP e pedindo abandonar o que definiu de "senda da demagoxia" ao respecto dos salarios dos altos cargos. Tamén contra a ILP se pronunciou o voceiro do PpdeG, Antonio Rodríguez Miranda, quen cualificou de "cínica" a posición do Bloque, acusando a esta formación de "rexeitar o plus antes de estar no Goberno, aprobalo no Goberno e agora que están na oposición volver estar en contra". Argumentou ademais Miranda que esta bonificación foi regulamentada noutras comunidades autónomas.



Actualización 11h00:
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, formación sindical promotora desta Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), será o encargado este mércores de defender a argumentación a prol da cal asinaron arredor de 20 mil cidadáns. Malia o previo anuncio dos grupos parlamentarios de PPdeG e PSdeG de que votarán en contra da ILP, a Cámara será escenario dun interesante debate. O plus de altos cargos aprobouse en xullo de 2007 co apoio de todos os parlamentarios. Porén, o BNG recoñeceu poucos días despois que fora un erro sacar adiante a iniciativa,

Desde o grupo socialista aclaraban xa hai unha semana a súa posición contraria á ILP. "Nós dixemos que nos manifestabamos a favor de que se levase ao pleno", sinalaba o voceiro do grupo socialista, Xaquín Fernández Leiceaga. "Pero unha vez que vaia ao pleno, votaremos en contra porque non cremos que se deba reformar, xa que é unha lei aprobada por todos os grupos", argumentou Fernández Leiceaga. Mentres, desde o PPdeG, aínda que inicialmente xogaban a manter a incerteza sobre a cuestión, confirmaban posteriormente a posición contraria á ILP, de forma que os reiterados chamamentos á aplicación de políticas de austeridade non se aplicarán neste caso para a supresión do plus para os altos cargos.

Gasto "inadmisíbel" e quebranto dos principios de igualdade
A posición que o representante da CIG exporá este mércores no Parlamento demanda de PP e PSOE a reconsideración do seu voto contra a derrogación deste plus. "Do contrario estarán avalando non xa un gasto inadmisíbel cando se recortan os orzamentos en capítulos básicos para garantir uns servizos públicos de calidade, senón mesmo unha política discriminatoria e que atenta contra o dereito fundamental a participar en condicións de igualdade aos cidadáns e cidadás na vida pública", advirten.

De xeito concreto, a CIG analiza que a norma quebranta os principios de igualdade e de meérito e capacidade, recollidos nos artigos 14 e 103 da Constitución. Entenden desde a formación sindical que se introducen así elementos de discriminación entre funcionarios que desempeñan tarefas idénticas "e perciben retribucións dispares por razón de circunstancias xa pasadas e polas que foron compensados no seu momento cunha maior retribución". Especificamente, o aumento retributivo "asimílase ao nivel de director xeral, o que supón rebordar o límite dos trinta niveis legais que integran a careira administrativa". "Isto supón introducir un nivel retributivo supremo que só poden alcanzar os funcionarios que desempeñaron altos cargos (de designación política) e nunca os funcionarios que seguen unha carreira ordinaria, por exemplar e brillante que esta sexa", subliñan.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: