O portal tecnolóxico 'Wired' impulsa a candidatura que amparan grandes multinacionais e varias personalidades.
Logo da controversia que supuxo a concesión do Premio Nobel da Paz ao presidente estadounidense Barack Obama, o portal tecnolóxico Wired propúxose comezar a traballar para conseguir que o próximo galardoado nesta categoría sexa un espazo virtual: a internet.
A iniciativa xa conta cunha web onde calquera pode apoiar esta candidatura. "Finalmente, démonos de conta de que a internet é moito máis ca unha rede de computadores. É un lugar interminábel de persoas conectadas. Homes e mulleres de calquera lugar están entrelazados uns cos outros, grazas á maior rede social que coñeceu a humanidade", afirman.
Os organizadores da petición entenden que o contacto entre persoas sempre foi "o antídoto máis eficaz" para evitar o odio e o conflito, polo que a internet é unha "ferramenta de paz". "E é por iso polo que o próximo premio Nobel da Paz debe de ir á rede. Un Nobel para todos e cada un de nós", explican.
Riccardo Lunna, redactor xefe de Wired en Italia, foi o impulsor desta idea que tivo nas eleccións de Irán o punto de partida. A idea do portal tecnolóxico é que até setembro de 2010, cada edición do magazine inclúa un artigo sobre aqueles que lle deron unha oportunidade á paz" grazas á internet.
Apoio desde diversos ámbitos
Diversas personalidades de diferentes ámbitos apoian a candidatura. Unha destas é a activista Shirin Ebadi -premio Nobel da Paz en 2003-, que defende a importancia da rede malia que en ocasións se use como "gasolina" para o terrorismo ou a guerra. As revoltas en Teherán tamén lle serven de exemplo: "Pregúntome se aquel caudal de información -en referencia ao Twitter- sería posíbel sen a internet", argumentou.
A iniciativa contar ademais coa participación de grandes empresas multinacionais. Sony Ericsson, Tiscali, Fineco, Fastweb, Microsoft, Telecom, Vodafone, Citroën e H3G crearon dez webs diferentes para amparar a candidatura da internet.