Un informe do Senado revela que a finais de 2001 o exército estivo a piques de capturalo nas montañas de Afganistán.
Segue vivo Ben Laden?
Do home máis buscado do mundo, do mesmo que serviu de xustificación para comezar unha interminábel guerra en Afganistán, non se sabe nada. O secretario de Defensa de EUA, Robert Gates, admitiu nunha entrevista televisiva que os seus servizos de intelixencia non teñen pistas fiábeis do seu paradeiro “dende hai anos”.
Até o de agora, a crenza máis espallada é a de que o líder de Al Qaida se atopaba en territorio de Paquistán, nas proximidades da fronteira con Afganistán. A BBC asegura que un talibán detido recentemente afirmou ter noticias de que Ben Laden se atopaba nesa zona. Porén, o propio Gates non quixo darlle máis relevancia a esta declaración.
A semana pasada, un informe do Senado de EUA revelou que Ben Laden estivo a piques de ser capturado a finais de 2001 nas montañas de Afganistán. Porén, o documento é moi crítico coa estratexia seguida naquel momento pola Administración Bush, que non tería planificado ben a operación contra o líder de Al Qaida.
Morto ou vivo?
Durante o mandato de Bush, EUA afirmou varias veces que Ben Laden estaba morto. Porén, o propio líder de Al Qaida remitiu vídeos para desmentilo.
Un dos episodios máis polémicos sobre esta cuestión tivo lugar en novembro de 2007. A presidenta paquistanía, Benazir Bhutto, asegurou nunha entrevista á BBC que Bin Laden fora asasinado por Omar Sheik, un axente dos servizos de intelixencia de Paquistán. O fragmento de entrevista foi suprimido e provocou unha forte polémica.