Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XORNADAS NO CETAL DE LUGO

O futuro da agricultura ecolóxica pasa por sensibilizar o consumidor

O prezo, a falta de marca ou a deficiente explotación das calidades destes produtos son os principais problemas para a súa comercialización.

Redacción - 17:05 03/12/2009
O CETAL acolleu as Xornadas sobre os produtos ecolóxicos

O CETAL acolleu as Xornadas sobre os produtos ecolóxicos

A comercialización de produtos ecolóxicos é unha vía de futuro para o agro, mais a súa situación actual dista moito de ser eficiente. Esta é unha das conclusións que presentaron os expertos e técnicos que estes días participan en Lugo nunhas Xornadas sobre a Comercialización de Produtos Ecolóxicos de Orixe Animal que se celebran no Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal).

Melloras pendentes
Os técnicos debullaron as múltiples dificultades que aínda presenta este sector para ser rendíbel e eficiente: cuestións que van dende unha limitada comercialización a unha mala comunicación de cara o consumidor.

Alfredo Cunhal, vicepresidente de Interbio, de Portugal, asegurou que "hai que traballar por diferenciar a complexidade da actividade produtiva dos ecolóxicos", argumentando que "debe existir unha mellor conexión entre produtores, transformadores e consumidores". Ao tempo asegurou que é preciso "acabar cos tópicos: non basta con ter un rótulo que indique que a nosa é carne ecolóxica, senón que debemos ter unha actitude de respecto ao significado deste concepto que, á súa vez, repercuta no consumidor e o sensibilice".

Na mesma liña, os diferentes expertos coincidiron en subliñar que "hai que explicarlle á xente os principios de produción ecolóxica e os valores que leva canda si, como a eficiencia enerxética ou a utilización sostida dos recursos". Xoan Carlos Pérez, xerente de Yoeco, indicou que "a mensaxe de alta calidade xa está saturada", polo que explicou que hai que incidir "no porqué desa calidade". Así, apostou pola publicidade comparativa, na que se incida en vantaxes concretas dos ecolóxicos, entre as que nomeou "que non levan aditivos, nin saborizantes, non se utilizan fertilizantes, nin sustancias químicas na súa produción, nin se altera o proceso de crecemento", entre outras.

Máis caros
Outra das dificultades que debe afrontar este sector é o do prezo. Así o asegurou David Corral Mieles, xerente de Mieles Anta: "estes produtos teñen uns custes caros, polo tanto se non hai rotación dos ecolóxicos nos mercados, non resultan rendíbeis". Xosé Luís Vaz, xerente de BIOCCOP, advertiu de que hai unha diferenza dun 40% entre o custe no mercado dun produto ecolóxico e dun convencional, polo que insistiu na necesaria estratexia de crear "unha marca" que vencelle o alimento ecolóxico cuns valores determinados.

Ademais, os poñentes recoñeceron que tanto o Estado Español como Galiza chegan tarde a esta produción: "vamos por detrás de Europa", explica Vaz, "polo que aínda se fai máis necesario concienciar á poboación; fai falta unha ética co medio ambiente; é necesario falar de sustentabilidade e sobre todo hai que educar á poboación neste camiño". En suma, coincidiron en sinalar que é necesaria a sensibilización da poboación con respecto aos produtos ecolóxicos e facelo incidindo ademais nas propiedades e beneficios que achegan, sobre todo no ámbito da saúde.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: