Xa dispoñíbel o CD-DVD coas gravacións ao vivo do espectáculo de fusión musical de Galiza e Cuba, incluído Pablo Milanés cantando en galego.
"Unha fusión musical sen calzadores: espontánea, natural, harmónica, elegante". Así convidan desde aCentral Folque e Falcatruada a enchouparnos coa grande big-band galego-cubana do ano.
Un proxecto onde as jotas e muiñeiras galegas se mesturaron coa guajira e a rumba cubana, as habaneiras ou o danzón. Folc galego e jazz latino en "simbiose musical perfecta: A música galega que naceu en Cuba por fin chega a Galiza". O espectáculo que percorreu o país hai poucos meses toma forma agora en CD e DVD. Presentado este martes en Santiago de Compostela, no espazo Folque.com/music/ poden atoparse varias pezas de escoita gratuíta, ademais de imaxes, vídeos e entrevistas cos músicos. En breve estará tamén dispoñíbel en servizos como o iTunes ou Spotify.