O equipo de goberno rexeitou unha moción do PPdeG que instaba a incorporar o castelán pola suposta inconstitucionalidade da ordenanza local.
A corporación viguesa rexeitou, cos votos do PSdeG e do BNG, unha moción presentada polo PPdeG que pretendía que o castelán fose lingua oficial do concello. O edil Ignacio López-Chaves, autor da proposta, solicitara que se modificase o artigo 1 da Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, que estabelece o galego, lingua propia de Galiza, como lingua oficial do goberno local.
Segundo o concelleiro do PPdeG, a normativa actual é "anticonstitucional". Ademais, queixouse de que "algúns creadores" non podían publicar en castelán en edicións locais. Comparou a situación do concello de Vigo coa do das Pontes, onde tampouco aparece o castelán como lingua oficial. Malia que López-Chaves ameazou con que votar contra a moción sería ir en contra da Constitución, os 14 votos do equipo de goberno botaron abaixo a proposta dos 12 edís 'populares'.
O equipo de goberno retrucou que o PPdeG podería ter adaptado a normativa lingüística durante os anos que estivo no executivo local, cando o propio López-Chaves dirixía o departamento de normalización.