Lamentan a caída da licitación pública nun 60% e presentan emendas aos orzamentos por un valor de 72,4 millóns de euros.
López Vidal lamenta a "paralización das infraestruturas"
"Entumecida en materia de obra pública". Así cualificou o deputado socialista, Pablo López Vidal, a política do Goberno no eido das infraestruturas, ao tempo que lamentou que a licitación en Galiza caera un 60%. Foi na presentación da emendas parciais aos orzamentos adicados a este apartado, unhas alegacións que supoñen un valor de 72,4 millóns de euros.
López Vidal considerou un "lastre" a política da Xunta en materia de infraestruturas, asegurou que existe "unha parálise" e "freo de obras públicas" e acusou ao Goberno de "carecer de iniciativas" ao respecto. Tamén criticou o atraso en actuacións en vías de altas prestacións que, para o PP, dixo, "non son prioritarias nin estratéxicas".
Obras prexudicadas
Segundo detallou, o goberno bipartito tiña previsto para o ano que ven 6,8 millóns para a autovía Vilagarcía-Pontevedra; o PP agora destina 1,5. Para a variante de Marín, o anterior Executivo contaba con 11,4 millóns; agora hai dúas partidas que suman 8,7. A vía Sarria-Monforte tiña unha partida de 43,2 millóns e agora quedarán en 25 millóns. No caso da de Tui-A Guarda actualmente figura unha partida de 7,5 millóns e o PSdeG emendará a iniciativa para aumentala en 4,3.
O socialista tamén criticou que a Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte xa fora licitada e adxudicada na pasada lexislatura, mais o PP "rachou o contrato" coa concesionaria, con quen "non foi quen de chegar a un acordo". Neste caso hai unha diferencia de 124 millóns no orzamento, polo que López Vidal pregunta que repercusións terá ese descenso na calidade da infraestrutura.