Nun comunicado, consideran que o resultado representa unha gran vitoria do pobo, e convídano a celebrar a derrota da ditadura.
Porfirio Lobo
Porfirio Lobo proclamouse a si mesmo vencedor nas eleccións presidenciais deste domingo en Honduras, nuns comicios que se desenvolveron sen o respaldo da comunidade internacional e sen supervisión técnica de observadores de organismos internacionais como a OEA ou a ONU.
A proclamación da vitoria de Lobo, do Partido Nacional, producíase logo de que o seu principal rival, Elvin Santos, do Partido Liberal (formación de Manuel Zelaya e Roberto Micheletti), recoñecese a súa derrota.
Porén, o resultado segue sen ser oficial. A polémica sobre a convocatoria e o desenvolvemento das eleccións afectou tamén o reconto de votos que non se puido concluír xa que supostamente o sistema se estragou.
Lobo dixo que vai convocar un diálogo nacional, con todos os sectores, para intentar saír da crise. Mais os partidarios do Zelaya e os opositores ao golpe de estado non recoñecen a lexitimidade das eleccións.
Abstención "moi elevada"
A abstención, segundo axencias e medios internacionais desprazados ao país, foi moi elevada, ademais de se producir ducias de detencións por parte do exército que controlaba os centros de votación
Neste senso, a Fronte Nacional contra o golpe de estado asegurou este domingo á noite nun comunicado que o abstencionismo ascendeu como mínimo ao 65%. Consideran que este resultado representa unha "gran vitoria do pobo", e convídano a "celebrar a derrota da ditadura" este luns.