Achaca a derrota electoral á competición entre os partidos que cogobernaban e a acusa ao BNG de utilizar o Goberno como "instrumento de partido".
Foi a primeira intervención pública de Touriño logo das eleccións
Máis de medio ano despois das eleccións e logo dun longo período de silencio, Emilio Pérez Touriño volveu aparecer en público para pronunciar unha conferencia organizada pola Fundación Iniciativas 21 baixo o título "Galiza na encrucillada". Na súa agardada intervención, o ex-presidente avaliou o resultado dos últimos comicios e pronunciouse sobre as cuestións económicas máis actuais, nomeadamente a fusión das caixas galegas.
Competición entre PSdeG e BNG
Cunha expectación máis mediática que cidadá, Pérez Touriño atribuíu a perda do Goberno ás friccións entre PSdeG e BNG, polo que avogou por "repensar" a relación entre ambas forzas. Da reflexión sobre "esta ecuación de moi difícil ecuación", dixo, "depende a alternancia e o cambio en Galiza". Así, chamou a cavilar sobre a perda do apoio nas urnas e acusou aos nacionalistas de caer na "tentación de utilizar o Goberno como instrumento de partido" e de pretender crear "unha rede empresarial e cidadá" dende as institucións.
Nunha intervención non exenta de autocrítica, adiantou que a única fórmula posíbel é a da "unión e cohesión" e asegurou que "o problema de convivencia" e mesmo "a competición interna desatada no tramo final" entre os dous socios de goberno "nos fixo francamente moito dano". Porén, avogou por deixar a competición electoral fora do seo do Goberno: "non ser quen, pola miña parte, de salvagardar o espazo da gobernación dos combates e envites das estratexias" foi un dos factores "con máis peso" na perda da Xunta.
Asemade, falou doutros condicionantes como "factores relacionados coa crise económica" que "levaron o medo a sociedade, que xirou á dereita"; a campaña do PP. "que entrou como un canón en distintos sectores cidadáns"; ou "dificultades de transmisión" das iniciativas postas en marcha polo bipartito".
O futuro das caixas, sen localismos
No outro tema que centrou a súa intervención, o ex-presidente apostou por integrar as dúas caixas galegas baixo un Sistema Institucional de Protección (SIP), o que lles permitiría "xestionar en común e con máis eficacia os riscos". Avogou pola alianza "sen que o peixe grande coma o pequeno, porque probabelmente non haxa grandes nin pequenos" e sen que haxa "gañadores nin perdedores".
"É hora de crear unha nova institución financeira para os novos tempos e ao servizo do país", sinalou, convencido de que estas entidades nacen ligadas á súa "base territorial". Nesa liña, pediu que se deixasen atrás "personalismos e localismos" e adiantou que "a maioría social non quere que Galiza desapareza do mapa económico-financieiro".