Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Especial: Canto custa arrefriar o Planeta?

E que é a OMC?

Composta por 153 países, cada un destes ten un voto, mais poucas veces se vota. As decisións son tomadas polos países centrais.

Redacción - 18:00 25/11/2009
Protesta contra a OMC

Protesta contra a OMC

A Organización Mundial do Comercio (WTO, segundo as siglas inglesas), nace no ano 1995 para substituír o GATT (Acordo Xeral sobre as Taxas Alfandegueiras e o Comercio) que, asinado por 23 países en 1947, instauraba novos regulamentos liberais minguando dereitos alfandegueiros e outras restricións ao comercio.

A nova organización creouse para administrar os acordos da Rolda de Uruguai (1986-94, asinados en Marraquesh) da súa predecesora, pero con extensións. Non só se encarga de regulamentar os bens industriais, tamén os servizos –privatizacións en todos os eidos salvo o militar, policial, xudicial e o Banco Central–, a agricultura e a propiedade intelectual, incluíndo as patentes sobre principios activos de medicamentos, sobre os OMX (Organismos Modificados Xeneticamente) e sobre os seres vivos.

Con sede en Xenebra, está composta por 153 países e a norma –ao contrario que o Fondo Monetario Internacional (FMI) ou o Banco Mundial, onde impera a máxima "un dólar, un voto"– é "un país, un voto". Mais poucas veces se vota. As decisións son tomadas polos países centrais, dado que a meirande parte dos países do Sur non poden manter un embaixador permanente en Xenebra nin seguir as complexas negociacións, que precisan de amplas e expertas delegacións.

Cada dous anos organiza unha xuntanza ministerial. A primeira foi en Singapur en 1996. Seguíronlle Xenebra, Seattle, Doha, Cancún, Hong-Kong e a deste ano (do 30 de novembro ao 2 de decembro) será a sétima, en Xenebra. A Rolda de Doha, único lugar onde non había acceso para os movementos antiglobalización, segue a ser a referencia dunhas negociacións freadas dende a "batalla de Seattle".

Se o FMI e o Banco Mundial afectan a cidadanía de xeito indirecto, a OMC impón políticas de choque frontal contra os seus dereitos. O mercado manda sobre o dereito nacional. Os seus acordos son case mandamentos divinos que lle permiten meter chanca nas leis e asuntos internos dos países.

Os programas de estabilización macroeconómica do FMI e de axustamento estrutural do Banco Mundial eran opcionais –malia que para moitos países a necesidade obriga–, mais as "leis" da OMC son obrigatorias. Así, prodúcense situacións como a chegada ao Sur de produtos dos subsidiados do Norte por baixo do custe de produción e a ruína das economías locais.

Os acordos máis polémicos son o ADPIC (Aspectos dos Dereitos de Propiedade Relacionados co Comercio), que ampliou a protección mundial das patentes, e o AXCS (Acordo Xeral sobre Comercio de Servizos), unha brutal ameaza sobre os servizos públicos de moitos países e unha pedra no camiño para os que os necesitan crear. Co AXCS, a OMC considera no mercado dos "servizos" dende o ensino até a saúde, pasando loxicamente polo ambiente e o ocio (deporte, cultura, …).


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: