O PP di que o BNG rexeitou votar a prol da axilización das medidas incluídas na lei contra a violencia de xénero. O Bloque denuncia que "o revanchismo do goberno do PP" destrúe iniciativas en favor da igualdade.
O PP recordou que a lei contra a violencia de xénero foi aprobada en 2007 e asegurou que o BNG "apenas fixo nada polo seu desenvolvemento nos 21 meses nos que desde entón tivo responsabilidade sobre a mesma". Doutra banda, a deputada popular Paula Prado afirmou que o Centro de Recuperación Integral solicitado este martes polo BNG nunha moción segue pendente "porque o anterior Goberno non foi quen de chegar a un acordo co Concello de Santiago para a cesión do inmóbel previsto para a súa localización". Unha situación que, opina Prado, deberíase "á inoperancia, pasividade e incapacidade do goberno municipal compostelán e á mala relación existente entre os dous socios do mesmo".
A deputada do PPdeG criticou o Bloque por non aceptaren a emenda presentada polo grupo parlamentario do PP á moción dos nacionalistas "que pretendían que o desenvolvemento da lei se centrara só nalgúns aspectos e impoñendo modelos concretos do seu programa electoral". Xustificou Prado que na súa emenda, o PPdeG instaba a Xunta "a axilizar o desenvolvemento de 41 medidas, fronte ás 7 solicitadas polo BNG".
"Non moveron nin un papel para impulsar a lei", quéixase o BNG
A deputada nacionalista Ana Pontón criticou este martes o que cualificou de "política regresiva do goberno do PP" neste ámbito. No repaso realizado por Pontón, denunciou a redución dos recursos para o programa de voluntariado Rodela, de acompañamento ás mulleres vítimas de malos tratos; a paralización do plano de atención psicolóxica dentro da sanidade pública ás vítimas da violencia de xénero; ou a paralización da plataforma de teleformación para os profesionais.
Tamén recordou a portavoz do Bloque a redución de recursos para formación e información sobre igualdade, con medidas como o despedimento de 61 traballadoras dos equipos de igualdade e oficinas de I+B "que viñan realizando un traballo fundamental, especialmente no rural". Ademais, advertiu de que dentro destes despedimentos tamén se inclúen as dúas técnicas que realizaban asesoramento xurídico no Centro de Emerxencias de Vigo. Pontón tamén definiu de "moi preocupante" que a Xunta "desenténdese do futuro dos Centros de Recuperación Integral das mulleres vítimas de malos tratos". "O goberno do PP non moveu nin un papel desde o 1 de marzo para desenvolver a Lei e pór en marcha o Observatorio Galego da Violencia de Xénero ou o Consello Galego das Mulleres", concluíu Ana Pontón.