Comeza en Londres a máis importante e esperada pescuda sobre a participación británica na invasión do territorio iraquí, mais sen ninguén a xuízo.
Manifestantes contrarios á invasión
O Reino Unido iniciou este martes a maior investigación sobre a guerra de Iraq realizada até o de agora, no medio de acusacións e sospeitas de que o ex primeiro ministro Tony Blair -que tamén comparecerá- enganou a opinión pública para lograr o seu apoio á invasión de 2003 sen o aval da ONU.
A primeira sesión estivo destinada a analizar a política exterior británica en Iraq antes da guerra. A primeira testemuña foi Peter Ricketts, o presidente do Comité Conxunto de Intelixencia de 2000 a 2001. Mais foi a intervención de William Patey, alto cargo do Foreign Office (ministerio de Exteriores) durante o goberno Blair a que achegou datos de maior interese.
"Eramos conscientes deses tambores de guerra desde Washington antes do 11-S", sinalou Patey, confirmando que a Administración Bush quería atacar Iraq independentemente e previamente aos ataques de 2001 sobre os EUA.
Porén, logo desta data, Washington desbotou a liña do defendido con anterioridade pola entón conselleira de seguridade dos EUA, Condoleezza Rice. Non así -segundo a testemuña- o goberno británico que permaneceu favorábel ás sancións no ámbito da ONU deica marzo de 2002.
Enganou Tony Blair o Parlamento e a cidadanía?
O informe final sobre a pescuda, que abarca o período entre 2001 e 2009, non se agarda que se dea a coñecer antes das eleccións xerais, previstas para xuño de 2010. Entre as principais cuestións que deberán dilucidarse están a da presunta ilegalidade da guerra e se Tony Blair enganou o Parlamento e a cidadanía.
O responsábel da investigación, John Chilcot, prometeu unha análise "a fondo", "xusta" e "rigorosa" para non repetir erros. As audiencias, públicas, desenvólvense no centro de conferencias Queen Elizabeth II de Londres.
Máis información: