O PSdeG ve buratos que lembran "as peores maneiras do fraguismo". "Volvemos á espoliación dos nosos recursos", agoira o BNG.
"Menos Estado, menos control e máis facilidade para decisións discrecionais e arbitrarias". Así opina o grupo parlamentario do PSdeG ao respecto da lei eólica que esta semana chega á Cámara despois de que o seu anteproxecto fose ratificado no Consello da Xunta do pasado 28 de setembro. O voceiro en materia de Industria dos socialistas, Abel Losada, cualificou a iniciativa eólica da Xunta de "auténtica vendetta política". "Un túnel do tempo que transporta a nosa comunidade ás peores maneiras do fraguismo", advertiu.
"Galiza perdeu o tren do desenvolvemento eólico", laiouse Abel Losada, denunciando que o proxecto do Goberno é "unha volta atrás". Na opinión dos socialistas a norma que pretenden botar adiante os populares esquece as directrices de ordenación do territorio, a lei da paisaxe e minimiza as medidas de control ambiental. "Hai unha clara indefinición do proxecto e tamén unha falla de planificación", expuxo o portavoz socialista.
Segundo Losada, a lei relaxa os controis ambientais e territoriais para as instalacións eólicas, permitindo a súa construción en Rede Natura e obviando a avaliación de impacto ambiental. O deputado vigués foi especialmente crítico co chamado Fondo de Compensación Ambiental que crearía esta norma, definíndoo de "excesivamente vago" e de xestión "dubidosa". Para os socialistas, e en referencia ao conselleiro de Presidencia, este Fondo "non debe estar dirixido polo comisario político Afonso Rueda, senón pola consellaría de Facenda". Agoirou Losada que se trata dun mecanismo aberto a "todo tipo de manipulación política". "É o máis apropiado para Baltar en Ourense: señor Guerra, vai quedar sen consellaría ", ironizou.
"Volvemos á espoliación", quéixase o Bloque
"Co decreto eólico do goberno bipartito púñase por primeira vez a enerxía ao servizo de Galiza", subliñou Fernando Blanco, portavoz de Economía do grupo parlamentario do BNG. "Coa nova lei eólica do goberno do PP volvemos á espoliación dos nosos recursos, sen contrapartidas para Galiza", queixouse.
Blanco teimou en que o anterior decreto garantía o retorno de riqueza "para o país", respectaba o ambiente e garantía seguridade xurídica. Na opinión dos nacionalistas "ningún destes requisitos son cumpridos por esta nova norma do goberno de Feijoo". "Por iso se queren protexer a través dunha lei", censurou Fernando Blanco. "O bipartito modificou as regras de xogo impostas, poñendo a enerxía eólica ao servizo do país, e abrindo a participación ás empresas galegas, pero vostedes volven ao modelo anterior onde empresas de fóra espolian os nosos recursos enerxéticos sen que nada quede en Galiza, e iso ten un nome: é un proceso colonizador", denunciou o deputado lugués.