Música, teatro, audivisual, artes plásticas, danza, literatura, maxia... 'AchegArte' presenta o seu programa, cunha ampla programación para todos os públicos.
Unha iniciativa importante para dar visibilidade á nosa cultura, "para difundila e sobre todo para demostrar que ten un peso decisivo na economía do país". Porque a cultura "xera riqueza e emprego" e porque o investimento en cultura "é sempre rendíbel a longo prazo". Así subliñan desde a concellaría de Cultura do Concello da Coruña a aposta por AchegArte, un espazo de encontro, intercambio de experiencias e difusión da cultura do país e unha oportunidade para coñecermos unha mostra da ampla oferta cultural galega. A iniciativa conta tamén co apoio da área de Promoción Económica da vicepresidencia da Deputación da Coruña e cobre o oco deixado polo CulturGal, a feira cultural celebrada o ano pasado que, malia o seu éxito, non foi financiada desta volta pola Xunta.
Co lema "A cultura que facemos. A cultura que queremos", AchegArte terá lugar os días 28 e 29 de novembro na Coruña, con actividades en Palexco e no Kiosco Alfonso. "Poderás gozar do noso teatro, a música, as artes plásticas, o audiovisual, a danza, a palabra cantada e falada.... mais tamén será o lugar onde mercar o libro que buscas, a música que che gusta, a película que non viches, os agasallos do Nadal; ou a ocasión para facer un obradoiro de ilustración, de danza, de música, de teatro, de pintura ou maxia, para grandes e pequenos", recolle o programa, cunha ampla peneira de actividades para todos os públicos. Así por exemplo, só no ámbito musical, serán máis de dúas ducias de actuacións en directo durante a fin de semana, cunha extensa proposta que inclúe desde Ultraqäns até o Alberto Conde Trío, pasando por Roi Casal, Magritte ou Luar na Lubre.