A Xunta subliña que aposta "na educación das xeracións futuras", malia que o desmantelamento das oficinas I+B deixa ducias de colexios sen aulas de igualdade.
"Cambiar o seu futuro depende de nós" é o lema da nova campaña publicitaria presentada pola Xunta este luns. Explicou a secretaria xeral de Igualdade, Marta González, que se trata dun proxecto que o executivo lanza con motivo do Día internacional contra a Violencia de Xénero e que busca "a implicación activa de todos e de todas". Subliñou ademais Marta González que a campaña apela fundamentalmente "á responsabilidade que temos na educación das xeracións futuras co convencemento de que só educando en valores de igualdade seremos capaces de erradicar a violencia de xénero".
Paradoxalmente, e tal e como avanzaba Vieiros a pasada semana, este propósito educativo bate coa realidade de ducias de centros escolares que quedarán sen aulas de igualdade debido ao desmantelamento das oficinas de I+B. O chamado Programa de Intervención Educativa en Materia de Igualdade, involucraba desde o curso 2008/2009 a seis equipos comarcais que, dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, desenvolvían obradoiros de igualdade dirixidos ao alumnado de Primaria e Secundaria. A curto prazo estaba previsto ademais que a oferta formativa abranguese tamén a docentes, nais e pais. Pero o anuncio de despedimento de 61 traballadoras dos plans de Igualdade, Familia e Infancia, incluído o persoal que se encargaba destas tarefas, deixa no aire o futuro dos cursos. Desde a Xunta non confirman se haberá continuidade destes obradoiros.
Inxección económica para quince días de campaña
"Cremos que é o momento de actuar, especialmente na educación e na protección das mais pequenas e pequenos, que tamén son vítimas da violencia de xénero que sofren as súas nais", expoñía este luns a secretaria xeral, mentres debullaba as características da campaña. Serán 50 mil cartaces a repartir por todo o país, insercións en xornais, valados publicitarios nas sete principais cidades e nos seus autobuses urbanos, publicidade nas salas de cinema, na CRTVG e nas radios privadas.
"A loita contra a violencia de xénero é un traballo que non se pode reducir a o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, hai que facelo a diario", expuxo Marta González, logo de explicar as cifras da campaña que o Goberno despregará durante quince días, entre finais de novembro e comezos de decembro. Ao fío repasou outras iniciativas en marcha, como o plan específico de información e sensibilización no ámbito da violencia de xénero dirixido á poboación inmigrante residente en Galiza ou. o acordo coa Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (CEHOSHA) para a difusión de 55 mil adhesivos transparentes para ser pegados nos espellos dos cuartos de baño de todos os locais de hostalería asociados, e nos que figura o telefono gratuíto 24 horas 900-40027, de información ás mulleres.