 
 
O ministro Katsuya Okada encargou unha investigación que parece demostrar que barcos e avións con armas atómicas recalaron no país asiático sen permiso.
O Ministerio de Asuntos Exteriores xaponés revelou a existencia dun pacto secreto cos Estados Unidos que lles permitiu aos buques e avións do exército norteamericano con armas nucleares recargar combustíbel no país asiático sen solicitar permiso, informou a axencia estatal Kyodo.
A revelación é froito dunha investigación interna do ministerio, ordenada polo novo máximo responsábel do mesmo, Katsuya Okada. Nese estudo atopáronse documentos que constatarían a existencia dese acordo secreto. "A investigación atópase na súa fase final, e anunciaremos os seus resultados en xaneiro", indicou o ministro, sen dar máis detalles.
O tratado de seguridade entre os dous países asinado en 1960 precisa que Washington ten a obriga de notificar a Toquio da chegada de calquera aparato con armas nucleares. Porén, os documentos achados na investigación indican que o pacto secreto determina o contrario.
Dende a súa chegada á carteira de Exteriores en setembro, Okada ordenou investigar os posíbeis acordos entre o Xapón e os Estados Unidos, dous presuntamente relacionados coa revisión do tratado de seguridade e outros dous sobre a devolución das bases estadounidenses en Okinawa. O anterior goberno, do Partido Democrático Liberal, sempre negou que existise un pacto secreto en materia nuclear, asumindo que, como nunca se lles pedira permiso, nunca entraran armas atómicas no Xapón.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto