As propostas e informes debátense no Pazo de Eidián, no concello de Agolada.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) desenvolve este sábado en Agolada a súa 34 Asemblea Xeral. Da organización encárgase a delegación do Alto Ulla, onde se atopa o equipamento ambiental da Eira da Xoana. O espazo onde terán lugar as reunións da asemblea e unha cea de confraternización, á noite, é o Pazo de Eidián, no concello dezao.
Durante a mañá presentarase o balance do ano e as propostas de actuación para o futuro, ademais do informe económico. Ao mediodía presentaranse as propostas de modificación dos estatutos. Despois dun xantar na Eira da Xoana, a media tarde renovarase a Xunta Directiva. Todo parece indicar que a actual presidenta de ADEGA, Adela Figueroa, será substituída pola até agora secretaria xeral, Virxinia Rodríguez.
ADEGA salienta que se está a producir unha involución nas políticas ambientais e que é preciso un movemento ecoloxista forte nunha sociedade comprometida. Tamén alerta de ameazan con pechárense os foros de relación institucional abertos durante a anterior lexislatura, dificultando o traballo ecoloxista e a resposta ás demandas da cidadanía.
Segundo a organización, estanse a promover proxectos agresivos, como novas centrais hidroeléctricas, megaparques eólicos e unha política de artificialización do litoral e dos espazos protexidos. ADEGA fai balance da súa xestión en 2009, en que tentou dar resposta a eses desafíos e prepararse para un escenario hostil a medio prazo, como asociación ecoloxista de referencia no país.