A plataforma organiza asembleas comarcais previas por todo o país e ultima a organización da xornada.
O mesmo día que se cumpren 31 anos da aprobación da Constitución española (o 6 de decembro), a plataforma Causa Galiza volverá saír ás rúas de Compostela para reclamar o dereito á autodeterminación. A marcha, que partirá ás 12 horas da Alameda, está a ser dada a coñecer por todo o país. De feito, hai previstas once asembleas comarcais previas á mobilización: Ourense, A Coruña, Lugo, Barbanza, Ferrol, Compostela, Pontevedra, Caldas-Tabeirós, O Condado, Vigo e A Limia.
O lema da mobilización, para a que xa se pediu autorización, será “Sobre nós decidimos nós. Soberanía é democracia”. Logo de facer un percorrido pola zona nova, a manifestación rematará na Praza do Toural. Alí, voceiros da plataforma lerán un manifesto que leva por título: “Nin Autonomía, nin Constitución española, non Estatuto de Nación: Galiza pola Autodeterminación”.
Para rematar a xornada está previsto un xantar popular no baixo cuberto da Alemeda. As actividades concluirán cunha actuación (que comeza áa 19 horas) de Mini e Mero, Homes sen Medo, Leo e Arremecghoná, Utraqans, Banda Potenkin e Ataque Escampe.