Un plan cataloga os instrumentos de tubo de catedrais e mosteiros, que se atopan en mal estado polo abandono e as intervencións desacertadas.
Non son tan abundantes como noutros lugares da península, pero Galiza ten nos órganos históricos de igrexas, catedrais e mosteiros un dos seus tesouros patrimoniais menos coñecidos. Para catalogalos e divulgar a súa existencia e valor, a Consellaría de Cultura puxo en marcha a finais de febreiro un plan de catalogación dos órganos de Galiza. Por agora xa se rexistraron os existentes na diocese de Lugo, trabállase esta semana na de Mondoñedo-Ferrol e continuarán en decembro na de Ourense, para completar a catalogación o ano próximo.
“Detectamos un estado de esquecemento e abandono importante” afirma Andrés Díaz, membro do equipo técnico de catalogación. Considera que esta situación é o resultado dun proceso de perda de valor dos órganos que comezou no XIX coa desamortización de Mendizábal, o abandono do uso litúrxico e a falta de organeiros que soubesen realizar arranxos con garantías. Logo do levantamento militar de 1936, “a empresa Organería Española tiña patente de corso para facer o que quixera cos órganos”, e procedeu a substituír elementos por outros novos en lugar de arranxalos ou eliminar partes que non funcionaban.
Desastres por boa fe
As intervencións desafortunadas son os principais inimigos do estado de conservación dos órganos, máis incluso que o abandono. “Moitas veces cométense desastres por boa fe, pola falta de alguén que poida asesorar”, lamenta Andrés Díaz. Con ese obxectivo, o proxecto pretende avaliar a saúde do órgano, tanto das caixas como do instrumento en si, a súa antigüidade e valor histórico e realizar unha completa documentación gráfica e sonora.
O traballo quere servir de base para posteriores actuacións de recuperación, restauración ou reconstrución dos instrumentos. “Hai que establecer prioridades, valorar cales son máis interesantes e cales se atopan en risco para fixar sobre cales hai que actuar antes”. O plan quere reconducir a situación de atraso histórico con respecto a outras comunidades do Estado, que xa hai décadas que iniciaron os traballos de catalogación e restauración respectuosa dos seus órganos.
Os órganos de Lugo
Na diocese de Lugo catalogáronse 14 órganos. É unha cantidade pequena, unha tónica que é xeral en Galiza. Andrés Díaz explica que “ao ser un instrumento caro só o teñen catedrais e mosteiros, porque as parroquias non tiñan poder económico”, situación que contrasta coa de Castela: “só en Palencia pode haber tantos órganos históricos como en Galiza”. E logo están as desaparicións. Nun catálogo de patrimonio eclesiástico de 1975 aparecía un órgano nun convento de Ribadeo que xa non existe porque foi vendido, “probabelmente por descoñecemento do seu valor”, sinala Díaz.
Pero a catalogación tamén está a arroxar sorpresas positivas. Unha é o órgano da igrexa da Régoa, en Monforte de Lemos. Grazas ao proxecto de catalogación, en abril volveu soar por primeira vez en 25 anos, e demostrou estar nun estado próximo ao orixinal. Trátase dun órgano dos primeiros anos do século XIX construído por un organeiro galego, algo pouco habitual. Outros instrumentos destacados son os da igrexa do antigo mosteiro de Lourenzá, que parecen atoparse en bo estado, ao que se suma o feito de que se conserven os dous órganos do conxunto.