A CIG exixe que o Goberno dea volta atrás no desmantelamento das oficinas I+B e que se aplique o convenio.
A Confederación Intersindical Galega anunciou pouco despois do anuncio unha folga en todos os centros do Consorcio de Igualdade e Servizos Sociais para o vindeiro martes día 24. A CIG di ter constancia de que a intención da Xunta é suprimir 61 postos , xa que, segundo lle aseguraron fontes do Goberno, 29 traballadoras do Plan de Infancia e Adolescencia van correr a mesma sorte cás 32 de Igualdade e Familias.
O sindicato agarda un seguimento total da folga entre os máis de 1.200 traballadores do Consorcio. Agárdase que, en apoio das oficinas I+B, se paralice as actividades nos centros de día e nas garderías públicas distribuidas por todo o país.
Os traballadores exixen o mantemento de todos os postos de traballo, a aplicación do convenio laboral, a celebración dos procesos selectivos suspendidos e a resolución das “irregularidades” nas listaxes de prazas vacantes.