Ernesto Vázquez Souza recupera a vida e obra dunha figura importante para a construcción do pensamento nacionalista da época.
A Associaçom Cultural Foucelhas de Ordes propúxose reivindicar unha figura practicamente esquencida pola historia do galeguismo: a de Luís Porteiro Garea. Nado en Lugo en 1889, finou en 1918 no municipio de Frades (bisbarra de Ordes. A pesar da súa prematura morte, por mor da epidemia de gripe, Porteiro foi unha figura destacada dentro do movemento das Irmandades da Fala que botaran a andar en 1916. De feito, el apostou por superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara a creación dunha organización de perfil máis político.
O profesor e membro da Academia Galega da Lingua Portuguesa, Ernesto Vázquez Souza, é o encargado de botar novas luces sobre a vida e obra de Porteiro nun caderno de 32 páxinas nas que tamén se recollen textos do persoeiro estudado. A obra ('Luís Porteiro Garea, o ideólogo do nacionalismo irmandinho') complementa traballos como os xa desenvoltos anteriormente no libro "Luís Porteiro Garea" (2005), de Baldomero Cores Trasmonte. Pódese adquirir en papel (polo prezo de un euro) dirixíndose a foucelhas.ordes@gmail.com e tamén descargala de balde en formato dixital.