Mentres as organizacións sociais denuncian que os nove condenados non tiveron un xuízo xusto, as autoridades chinas defenden que eran "criminais".
As organizacións sociais denuncian que os acusados non recibiron un xuízo xusto
O goberno chinés deu cumprimento á sentenza de execución de nove persoas condenadas polos disturbios de compoñente étnica vividos a comezos de xullo na rexión de Xingiang. Os nove estaban acusados de "asasinar e provocar incendios" e a súa execución levouse a cabo logo de ser aprobada pola Corte Suprema daquel país.
Atribuíuselle a participación e liderado nas revoltas de hai catro meses e foron responsabilizados da morte de preto de 200 persoas, logo do enfrontamento entre os uigures e os membros da comunidade chinesa han (maioría demográfica na República Popular). Dos nove condenados, un era han e oito uigures, etnia á que se acusa de iniciar a revolta.
Sen garantías legais
Segundo o goberno a maioría dos mortos nos disturbios eran han, se ben os activistas uigures no exilio xa subliñaron que tamén houbo baixas na súa comunidade. Mentres, grupos de defensa dos dereitos humanos denuncian que os condenados non recibiron un xuízo xusto e subliñan que algunhas das audiencias non duraron máis de cinco horas.
Nesa liña, a Asociación Uiugur Americana (UAA) fixo pública a súa sospeita de que as execucións e asasinatos de uigures (de lingua turca e credo musulmán) van continuar na "guerra sen cuartel" que o réxime mantén con esa comunidade. Ademais, fan fincapé en que as execucións se levaron a cabo en vésperas da visita a China de Barack Obama, o que "demostra o desprezo do goberno chinés polos dereitos humanos internacionais".
Pola súa parte, as autoridades chinesas aseguraron que os executados eran "criminais" e que, en todo momento, se actuou "de acordo coa lei".