O Gobernocolombiano do presidente Álvaro Uribe, baralla a posibilidade de tomar medidas drásticas se o presidente venezuelano, Hugo Chávez, continúa cos seus ataques pola instalación de sete bases militares estadunidenses en Colombia.
Nun comunicado, o Goberno de Bogotá ameazou Venezuela con levala ante a ONU. Chávez dixo o domingo no seu programa Aló presidente, Nº 343, que os venezuelanos deben estar "preparados para a guerra ". Neste clima de tensión política internacional Venezuela mantén, debido a unha seca sen precedentes en 40 anos, o racionamento da enerxía eléctrica e a auga.
O discurso de Colombia é o de sempre: "O único interese que nos move é a superación do narcoterroismo que durante tantos anos maltratou aos colombianos ", dixo o Goberno nun comunicado, que engade que Colombia "non fixo nin fará un só aceno de guerra á comunidade internacional, menos a países irmáns".
"Hai que falar co amo e por iso dígolle ao presidente Obama: non se vaia trabucar e vaia ordenar vostede unha agresión aberta contra Venezuela utilizando Colombia", sostivo Chávez no seu programa dominical de radio e televisión Aló, presidente. Segundo Colombia, isto é unha ameaza de guerra, polo que Bogotá recorrería "á Organización de Estados Americanos e ao Consello de Seguridade das Naciones Unidas", para denunciar a Chávez.
Chávez: "Se EUA ataca Venezuela comezará a guerra dos 100 anos"
Chávez cualificou ao goberno de Colombia como lacaio do imperio, en referencia ao acordo entre o goberno de Uribe e Estados Unidos sobre a instalación de sete bases militares. Advertiu que se Estados Unidos (EUA) ataca militarmente Venezuela através de Colombia comezaría a “guerra dos 100 anos”, que se extendería por toda a rexión.
"Nós somos os fillos de Bolívar e estamos sementados desde México até a Arxentina (...) Venezuela non está soa, temos un feixe grande de amigos (...) Que ninguén crea que unha guerra contra o país será só contra Venezuela", recalcou durante o programa Aló, presidente, número 343, transmitido onte domingo desde o municipio Páez, no estado Portuguesa.
"Colombia entregouse a Estados Unidos, entregouse, non o pobo senón o Goberno e a oligarquía que anteriormente puña a máscara, agora ltirárona", dixo o presidente venezuelano.
Por outra banda, informou que proximamente o presidente de Irán, Mahmoud Ahmadinejad, visitará Venezuela como parte da consolidación das relacións entre ambos Estados.
"O imperialismo e os seus lacaios teñen na mira a Irán e Venezuela, pero non poderán con nós. Así como Irán ten a Israel, nós temos ao goberno de Colombia que atende ás ordes do imperio ianqui", expresou o presidente .
Racionada a enerxía eléctrica e a auga en toda Venezuela
A asociación de empresario de Venezuela, Fedecámaras, ratificou que “os racionamentos de luz e auga están afectando o aparello produtivo”
O sector privado considera “contraditorio” que se lle pida aos empresarios que aumenten a produción e pague máis impostos, cando están racionando os servizos públicos.
-Onde quedan os planos de crecemento e desenvolvemento do país, perguntouse Noel Álvarez, porque só estamos falando de recesión, controis e racionamento pero non estamos falando de crecemento do parque industrial.
Destacou o máximo representante da patronal empresarial venezuelana que o racionamento planificado debería contar co consenso de todos os sectores, “que dígan eles (o Goberno) en que momento saímos menos afectados e onde menos afectemos a produción, éstánlle pedindo ao sector privado que achegue 84 mil millóns de bolívares fortes en impostos, pero como ímoso achegalos se temos un racionamento por riba do 50%, e unha redución do tempo produtivo á metade”.
O fenómeno metereolóxico El Niño raciona auga, luz e comida en Venezuela
En Venezuela non existen as catro estacións tal como son coñecidas en Europa. A climatoloxía divídese en temporada de seca e de choiva (monzónica). A temporada de choiva (inverno sen frío) vai de abril-maio a outubro-novembro, e o resto do ano non chove. A ista ausencia de choivas debemos engadir que a principal fonte de enerxía elécrica para o país provén do terceiro encoro máis grande do mundo, que é o encoro do Guri, Represa del Guri, no estado Bolívar, 10.000 MW de capacidade total instalada que diariamente cunha produción diaria de enerxía equivalente a 300.000 barrís de petróleo.
Ao sul de Venezuela, nas chairas centrais, Los llanos, onde se produce boa parte dos alimentos de Venezuela (que aínda importa a maior parte dos que consome) o problema é aínda maior."A seca afectou entre 70 e 80 por cento das sementeiras de millo, arroz e sorgo en Guárico, perdéronse 60.000 hectáreas de millo e outras 60.000 están severamente afectadas", segundo o presidente da Asociación de Produtores Cerealeros da rexión, Vicente Higuera.
A seca que soporta Venezuela vén do océano Pacífico, "como consecuencia da variabilidade climática máis importante do planeta, o fenómeno El Niño", segundo o xeógrafo venezuelano Rigoberto Andressen. El Niño, lembrou Andressen, predícese co "requentamento das augas do Pacífico sul, que leva a un desacoplamento da atmosfera sobre ese océano e masas de ar cálido desprázanse ao centro e ao leste, sobre América do Sul, en substitución da corrente de Humboldt, que é de augas frías".
"A alteración nos sistemas de circulación de ar na atmosfera tradúcese en secas prolongadas nunhas áreas ou choivas torrenciais e inesperadas en otras", explicou Andressen, e lembrou que mentres hai seca en case todo o norte e centro de América do Sul, en Uruguai e outras zonas sudorientais rexistráronse choivas máis fortes.