A localidade ourensá acolle un filo-café, no que o tema “silencio ou morte” será abordado desde diferentes disciplinas.
Creadores de diferentes disciplinas e procedencias que se reúnen nun café arredor dun tema común. Iso son en esencia os filo-cafés, unha iniciativa que leva anos servindo de punto de encontro para creadores de Galiza e Portugal conectados a través do blog Incomunidade. Este sábado o Café O Catro de Petín acolle o último destes encontros, neste caso centrado no tema “silencio ou morte”, inspirado nun texto de Carlos Santiago.
O poeta do Morrazo Alberte Momán leva seis anos participando nestes encontros. “Nos filo-cafés existe un tema sobre o que se desenvolve un debate. Logo preséntanse todo tipo de creacións artísticas ligadas a ese tema”. En Petín participarán 32 persoas dos eidos da poesía, a música, as artes plásticas, o pensamento, o audiovisual e outras disciplinas artísticas. Alí estarán, entre outros, Rosa Enriques, Iolanda Aldrei, Lucía Novas, Estela Gudes e Maria João Mira.
Os filo-cafés son itinerantes, celébranse varios ao ano e cada vez nunha localidade diferente. Están ligados ao blog Incomunidade, que puxo en marcha a Sociedade Guilherme Cossoul de Lisboa, co impulso de Alberto Augusto Miranda. Os artistas das dúas beiras do Miño que participan no blog teñen nos filo-cafés a ocasión de establecer un contacto directo.
Esta iniciativa obvia as fronteiras políticas, que tantas veces se traducen en fronteiras creativas. “En Portugal hai moi pouco coñecemento da actividade artística en Galiza, e o mesmo ocorre ao revés. Esta é unha canle da que xorden vías de colaboración”. No aspecto máis persoal, Alberte Momán destaca como os filo-cafés lle proporcionaron un xeito diferente de entender a poesía e o contacto desa poesía cos lectores e oíntes: “se hoxe son quen de transmitir algo ao público é porque os filo-cafés serviron para darme esa soltura a través da conexión directa entre o autor e quen o escoita”.