Estrasburgo só garantirá un "procedemento xusto", aínda que non necesariamente xudicial, antes de cortar internet ás persoas que descarguen arquivos protexidos.
O Parlamento Europeo finalmente rexeitou unha proposta para restrinxir o poder dos gobernos estatais para desconectar usuarios que compartan arquivos "protexidos". Esa emenda ao chamado Paquete Telecom permitiría revisar leis como a francesa e a británica, que permiten retirarlle un servizo como internet á cidadanía mesmo sen sentenza xudicial. A emenda, unha vez modificada, só garante un "procedemento xusto e imparcial", non necesariamente dun tribunal, antes da desconexión.
Porén, a pesar de que hai rumores nese senso, a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, asegurou que o goberno español non está a considerar "medidas punitivas para os usuarios finais de internet" e que optará por "atacar a orixe deses produtos, que son as webs que se benefician desas descargas".