Mentres os alcaldes se felicitan da inxección económica que lles permitiu acometer traballos outrora inasumíbeis, o proxecto deixa en cada municipio un legado en cuestionadas obras.
"Todos os cartos que veñan, benvidos sexan". Así resume o alcalde de Vila de Cruces, Xesús Otero Varela (PP), a súa valoración sobre o Fondo Estatal de Inversión Local, enmarcado no chamado Plan E. O balance é común aos demais rexedores municipais, tal e como nolo confirman Martiño Noriega (Teo, BNG) e Manuel Martínez (Becerreá, PSdeG) a Vieiros. Os tres definen este proxecto do goberno de Zapatero como "unha lotería que lles caeu aos concellos".
Non é para menos, o chamado Plan E, dotado a nivel estatal con oito mil millóns de euros, deixou en Galiza 334,3 millóns. Como resposta a tan consabida crise, o goberno estatal puxo en mans dos municipios cifras que en moitos casos supuxeron dobrar o orzamento municipal. "Os concellos estamos habitualmente instaurados na cultura do pedichón", di Martiño Noriega, "non somos quen de atender ás grandes necesidades que temos só a partir dos fondos propios". "Como non vamos valorar positivamente este plan", pregunta Manuel Martínez, "se supuxo para nos unha inxección económica do 60% da débeda municipal e do 50% do noso orzamento?"
A escolla das obras e a responsabilidade política
Segundo o último balance feito polo goberno estatal en outubro, en Galiza pagáronse un total de 2.521 proxectos, que van dende obras de saneamento no rural, ou o arranxo de camiños até a construción de pavillóns polideportivos. As obras son moitas e moi variadas e, dende un comezo, xa se escoitaron voces que critican a idoneidade dos proxectos escollidos. Así, as malas linguas apuntan ao asfalto de rúas que xa foran anteriormente pavimentadas, á ampliación de locais que xa se axeitaban as súas necesidades ou a dotación de alumeado público para lugares que non carecían del.
Porén, e como é esperábel, os rexedores negan este extremo. "No caso de Teo, por exemplo, as obras que acometemos eran estritamente necesarias, fixéronse traballos como o arranxo de viais ou de parques infantís que eran unha demanda social", di Noriega. Con todo, recoñece que "é unha cuestión de responsabilidade política".
O procedemento para a escolla dunha ou doutra obra recaeu en todo momento nos gobernos municipais. O reparto dos 334 millóns de euros realizouse de acordo a diferentes criterios especificados polo goberno estatal atendendo en primeiro lugar a criterios de poboación, segundo os cales a inversión media per cápita ascendería a 177 euros. Os concellos propuxeron as obras que consideraron pertinentes, dentro das posibilidades que ofrecía o Plan: equipamentos en infraestruturas e redes viarias, saneamento, alumeado, mellora de equipamentos sociais, conservación do patrimonio ou promoción do turismo, entre outras. A partir deste momento, seguiron o habitual procedemento con concursos públicos e adxudicacións a cargo do municipio. Polo tanto, deixouse en mans dos gobernos municipais, como principais coñecedores das súas necesidades, o poder de decidir o destino destes 177 euros por habitante.
Con todo, alcaldes como o popular Xesús Otero subliñan que a capacidade de manobra dos gobernos municipais debera ser maior: "se en troques de vencellar eses cartos a unha obra se destinasen directamente ao concello, seriamos quen de xerar máis emprego mesmo realizando os mesmos traballos".
Improvisación, falta de liquidez e pan para hoxe
Máis os reproches que recibe o Plan E non rematan aquí. Dende un primeiro momento, cando o goberno de Zapatero anunciou este proxecto ,recibiu duras críticas por parte da oposición: ademais de dubidar sobre a súa efectividade na creación de emprego (tema dunha segunda entrega desta reportaxe), criticaron os criterios de reparto, a obriga de ter que adiantar parte do financiamento ou mesmo o custe dos carteis anunciadores. Mais, co tempo, as críticas quedaron para os dirixentes políticos estatais, mentres os alcaldes agradecen a beizón dos cartos.
Mais o certo é que o proxecto adoece de moitos males, a meirande parte froito da improvisación co que foi acometido. Obrigou aos concellos a asumir unha importante carga de traballo, as máis das veces cun cadro de persoal moi limitado: "cuestións como presentar toda a documentación precisa, licitar, certificar... e demais trámites burocráticos custou moitísimo a un concello como ao de Teo", explica Noriega. Doutra banda, abocou aos gobernos municipais á falta de liquidez cando xa se atopaban nunha situación de endebedamento crítica. O Estado abonou ao comezo das obras o 70% do custe dos traballos, mentres que o demais tivo que ser afrontado polos municipios, o que, á súa vez, xerou graves problemas de tesourería.
A isto engádense cuestións como as denuncias do sector comercial, que subliñan as perdas ocasionadas polo levantamento continuo de rúas e beirarrúas, co consecuente descenso de vendas. Asemade, outras voces subliñan que este tipo de actuacións non son máis que pan para hoxe e fame para mañá, porque os proxectos escollidos raramente fomentarán emprego ou riqueza económica no futuro.
Sexa como for, o goberno español xa adiantou que o Plan E terá continuidade. O executivo español asegurou que, en vista do éxito do actual, porá en marcha outro plan de inversión local dotado, esta vez, con cinco mil millóns de euros, e que se destinará a proxectos verdes e de I+D+i. Os alcaldes xa se adiantaron a pedir: "que sexa un plan estábel".