Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As deputacións a debate no Parlamento

Baltar pídelle á Cámara prioridades para "non caciquear"

"As deputacións somos o que o Parlamento queira que sexamos", di Baltar. O BNG repróchalle que as contas do ente demostran a inutilidade da deputación ourensá.

Redacción - 18:00 05/11/2009

"Fíxennos as prioridades para que non poidamos caciquear", afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, durante a súa intervención este xoves no Parlamento. "Se se está facendo mal, hai que facelo ben", dixo o responsábel da institución ourensán. "As deputacións somos o que queira o Parlamento que sexamos e todas as leis neste sentido non imos impugnalas", asegurou Baltar Pumar, de paso que solicitaba dos deputados que estudasen "reformas lexislativas" que aclarasen "o papel" das deputacións.

Baltar falou de "incumprimento flagrante" do mandato constitucional de fornecer as entidades locais de suficiencia financeira, insistindo en que as deputacións son entes municipais, e acusou os sucesivos gobernos da Xunta de "ningunear", "esquecer", "descoñecer" e "inhibirse" das súas responsabilidades coas deputacións. En relación ao asunto, o tamén popular Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, instou os grupos parlamentarios a definiren un "acordo" para a aprobación dun novo estatuto de goberno local que "recoñeza o marco de competencias reais dos concellos e deputacións".

Pola súa banda, o socialista Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña, coincidiu tamén na solicitude de lexislación que defina as competencias dos entes provinciais e na reclamación de mellor financiación. Ao tempo, referiuse entre outros á necesidade de que as deputacións xestionen os expedientes de expropiación coa fin de axilizar trámites e investimentos.

Os orzamentos do ente ourensán, exemplo da "inutilidade" do ente
"Debe ser a institución máis ineficiente de Galiza e seguro que unha das do Estado, ademais de ser unha oficina de colocación e instrumento electoral", laiouse o voceiro do BNG, Alfredo Suárez Canal, ao respecto da intervención do presidente da Deputación de Ourense. O escaso ingreso tributario, o esaxerado apartado de gastos correntes, incluído o orzamento para persoal, dez puntos por riba da media, o elevado número de opacas subvencións nominativas... Foron algúns dos reproches expostos por Suárez Canal ás contas da deputación ourensá.

Á luz deses números, falou o deputado nacionalista ourensán dun panorama "demoledor" e opinou que a memoria de orzamentos achegada por Baltar "é o mellor argumento para xustificar a desaparición destas institucións". "Demostra a inutilidade das mesmas para o interese público", censurou, queixándose do elevado grao de endebedamento e os ingresos de "auténtico encefalograma plano".


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: