Novo conflito apenas uns días despois da rifa parlamentaria pola incerteza respecto da posíbel marxinación das empresas galegas nos eventos de 2010.
"É este o impacto positivo que vai ter o Xacobeo na economía galega?", preguntaba este mércores Carme Adán, voceira do grupo parlamentario do BNG en materia de Turismo. Referíase a deputada nacionalista á adxudicación a unha empresa madrileña da creatividade da campaña de publicidade do Xacobeo 2010. Serán 543 mil euros que escaparán de Galiza malia a promesa do Goberno de que se aproveitaría esta cita para axudarlle ás industrias culturais do país.
As queixas do BNG fan referencia ademais aos "sorprendentes criterios" empregados pola Consellaría de Cultura e Turismo para decidir esta contratación, na que se destacou a "orixinalidade", valorada con 45 puntos, o que lle outorgou a adxudicación a esta empresa. Carme Adán chamou a atención sobre o feito de que ao contrato optasen 24 candidaturas das cales un total de 16 eran proxectos de empresas galegas. Preguntou Adán se o acontecido supón que a Xunta "non confía nas axencias de publicidade galegas para este importante contrato".
A iniciativa parlamentaria do Bloque chega poucos días despois de que o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, afirmase no Parlamento que serían empresas galegas as que "maioritariamente" levasen a produción e xestión dos espectáculos de artistas galegos e internacionais no Xacobeo 2010. Malia ese compromiso, o grupo parlamentario do PPdeG votou ao día seguinte en contra dunha proposición non de lei do BNG onde se instaba a Xunta a que a cultura galega fose destinataria, como mínimo, do 50% dos fondos para a programación cultural xacobea, cunha engádega do PsdeG onde se reclamaba participación maioritaria das empresas do país.