En plena crise económica, volve o debate sobre os gastos de representación que lle pasan os cargos locais á administración.
Un café de 1,70 ou un xeado de tres euros acaban en factura no Concello de Cambre. O xornal La Opinión de A Coruña publica este luns unha cando menos curiosa relación de facturas que o concelleiro de Facenda, Venancio Salcines, lle pasou ao consistorio. O concepto destes e doutros importes entran no capítulo de “gastos de representación”.
Nos epígrafes das facturas non falta nin un convite casual de consumicións ao rexedor da Coruña, Xabier Losada, e acompañantes que tivo un custe de 41,60 euros ou unha comida de traballo de 129 euros. Pero na relación de 71 contas analizadas polo xornal coruñés (dende o verán de 2007 até marzo deste ano) non falta incluso unha compra de 39 euros no Opencor.
Venancio Salcines (PSdeG), profesor de Economía na Universidade da Coruña, entrou de concelleiro de Facenda e Patrimonio Municipal logo das elección de 2007. Ao non ter dedicación exclusiva e seguir exercendo como docente só ten dereito a percibir dietas e indemnizacións por asistencia a plenos e órganos de goberno