A preocupación aumenta na comunidade internacional ao considerar que a elección de Karzai pode verse como menos lexítima.
Abdullah Abdullah, un ciruxán e ex ministro de Asuntos Exteriores de 48 anos, anunciou formalmente este domingo que se retira da segunda volta das eleccións en Afganistán, que se celebrarán a vindeira fin de semana. Abdullah toma esta decisión ao considerar que non hai garantías reais de que non se repita a fraude da primeira volta que lle deu a vitoria ao actual presidente, Hamid Karzai.
Nos anteriores comicios houbo que anular centos de milleiros de votos irregulares. Logo de apelar á comunidade internacional, a propia ONU recoñeceu a existencia de graves anomalías no proceso.
A retirada de Adbullah, pon en cuestión a lexitimidade de Karzai. Porén, a secretaria de Estado dos EUA, Hillary Clinto, xa apurou a dicir que isto non ten por que ameazar a credibilidade do proceso. Porén, na comunidade internacional recoñecen que unha elección cun só candidato é unha moi mala nova para o país.
Abdullah é un presitixioso oftalmólogo afgano que comezou a súa andaina política dentro da resistencia antisoviética, chegando a ser conselleiro do mítico comandante guerrilleiro Ahmed Massoud. Antes da chegada ao poder dos talibáns foi ministro de Exteriores, cargo no que repitiría logo da caída deste mesmo réxime.