Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
TOPONIMIA E POLÍTICA

A Coruña: o disputado voto do “L”

A menos dun ano e medio das eleccións municipais, o debate sobre o nome da cidade visibiliza un Partido Socialista atrapado entre o pasado e o presente.

R.V. - 12:54 31/10/2009
Tags:
Xabier Losada

Xabier Losada

O conflito toponímico volve florecer na Coruña. Cun Partido Socialista cun inexplicábel e tan esperpéntico como ambigüo posicionamento, un BNG que lembra que hai un pacto de goberno que establece claramente cal é o nome da cidade e cun Partido Popular que intenta abrir fenda no goberno local, a polémica está servida.

Despois dunha semana dificilmente máis disparatada, o alcalde socialista, Xavier Losada, subliñaba que o pacto cos nacionalistas non corre perigo e intentou deixar relegado o debate toponímico a unha cuestión case anecdótica. Nos días anteriores, o grupo socialista botou abaixo unha moción do PP que se posicionaba a prol dunha forma bilingüe e, acto seguido, envioulle unha carta ao presidente da Xunta argumentando xusto o contrario.

O baile dos socialistas sentou como unha labazada na área nacionalista do goberno. O propio tenente de alcalde, Henrique Tello, deixaba aberta a porta a unha saída do executivo se dende o consistorio non se cumpría os acordos dun mínimo respecto á legalidade lingüística.

A febre electoral dispárase


A pesar do malestar que existe dentro do BNG local, tamén hai dirixentes que lle restan importancia ao que está a suceder. Un deles confesáballe a Vieiros que o conflito polo topónimo non é un tema que preocupe demasiado de portas para adentro en María Pita: “Hai un pacto asinado e na cuestión toponímica é máis que claro”.

O posicionamento sobre o topónimo non é, nin moito menos unánime, nas propias filas do PSdeG local. Mentres que algúns concelleiros da vella garda (González Garcés ou José Nogueira) presionan para manter un discurso a prol do “L”, tamén hai quen pensa que é hora de enterrar definitivamente a guerra toponímica.

É rendíbel electoralmente a guerra lingüística?

Esta é unha das cuestións que só semella ter claro o PP. Os conservadores pensan que o diferente criterios dos dous socios do executivo poden servirlle como unha baza máis na estratexia que preparan para 2010: presentar diante da opinión pública coruñesa un goberno que non ten capacidade de entenderse entre eles (a tese do “bigoberno” que tanto axitou o PPdeG a nivel nacional meses antes dos comicios autonómicos).

A opinión xeral dos propios políticos é que á maioría da cidadanía non lle interesa o debate toponímico. Porén, tanto “populares” como socialistas pretenden conquistar o voto dunha minoría (nucleada a miúdo arredor das tradicionais elites locais) que ten un posicionamento tradicionalmente belixerante con calquera intento de normalización lingüística. As sucesivas maiorías absolutas de Francisco Vázquez contaron sempre co prace duns sectores que, aínda que profundamente conservadores, non dubidaban en votar PSdeG nos comicios locais.

Agora é o Partido Popular de Carlos Negreira o que non dubida en empregar toda a munición para rabuñar eses centos de votos que, dentro de 18 meses, poderían ser decisivos para entrar por vez primeira no pazo de María Pita.


4,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: