Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
160 filmes en 28 días

Dez boas razóns para ir a Cineuropa

Arranca o 4 de novembro cun programa tan amplo como é habitual. Dámosvos dez motivos para vencer a preguiza de facerse cunha entrada.

Redacción - 11:40 01/11/2009

A edición 23ª de Cineuropa volve xuntar nun só mes un extenso programa de proxeccións: 160 filmes do 4 de novembro ao 2 de decembro. A oferta é variada: documentais e música (xuntos e por separado), cine galego, europeo, arxentino, asiático e estadounidense, cine fantástico, infantil, retrospectivas, estreas... Razóns para acudir, aínda que só sexa unha vez, non faltan. Aquí seleccionamos dez:

Os pesos pesados do cine europeo actual. Á súa cita con Santiago e Novembro non faltarán nomes clásicos do cine, Europa e Cineuropa: Michael Haneke abre o festival con A cinta branca, gañadora da Palma de Ouro este ano en Cannes. E logo virán as últimas de Ken Loach, François Ozon, Costa-Gravras, Faith Akin, Carlos Saura, Vicente Aranda, Manoel de Oliveira...

A estrea da última de Michael Moore. Chámase Capitalism: a Love Story, e nela volverá mesturar crítica, humor e certas doses de egocentrismo para meterlle o dedo no ollo á sociedade norteamericana, desta volta analizando como lle afecta o seu amor polo capitalismo. Compostela acolle a premiere a nivel estatal.

The Beatles: por completo e revisados. Os Fab Four terán protagonismo dobre este ano. Proxectarase a filmografía oficial do grupo, xunto con rarezas difíciles de ver, como un directo no Shea Stadium de Xapón ou unha intervención no programa televisivo de Ed Sullivan. Á isto engádese a homenaxe musical que o día 10 de novembro lles renden aos de Liverpool un feixe de grupos galegos dos estilos máis variados: Faltriqueira, The Homens, Niño & Pistola, Magritte, U-lo Trío, Magín Blanco & Burgas Beat e Narf & Javier Abraldes.

Os riscos dos emerxentes galegos. Os nomes do futuro do cine galego xa teñen un bo feixe de curtas ao lombo. Cineuropa amosará os traballos de catro dos máis soados: Ángel Santos (autor de O cazador), Óliver Laxe (director de Paris#1), Claudia Brenlla (que asinou Bata por fóra (Muller por dentro)) e Xosé Manuel Bazarra “Sepi” (autor de Berberecho I e II). Novas ideas para un cine arriscado.

Crebinski e o cine galego. Nunha sesión especial, o festival presentará a primeira bobina de Crebinsky, a comedia de aires surrealistas dirixida por Enrique Otero. A programación inclúe unha sección dedicada ao audiovisual do país, na que se proxectarán entre outras Un chico raro, de Javi Camino, Señora de, de Patricia Ferreira e O club da calceta, de Antón Dobao.

Pop e rock a través da pantalla. A sección de documentais musicais é habitual nos últimos anos. Nesta ocasión o cine botará a súa mirada sobre A agonía e o éxtase de Phil Spector, a América de Johnny Cash, a música brasileira en Beyond Ipanema, a morte da moza de Sid Vicious en Who killed Nancy? ou a figura de Chet Baker en Let's get lost.

Cinco nomes novos do cine español. Dentro da sección oficial, Cineuropa fai unha parada nas obras de cinco directores novísimos. Pasaranse no festival os filmes Petit indi de Mar Recha, Estigmas de Adán Aliaga, Los condenados de Isaki Lacuesta, Tres días con la familia de Mar Coll e La mujer sin piano de Javier Rebollo.

As revelacións dos festivais de verán. Como cada ano, o festival serve para compilar as películas máis exitosas das mostras estivais. Entre os títulos que sorprenderon a críticos e cinéfilos e que se poderán ver en Santiago están a grega Kynodonyas, a británica Fish Tank e a romanesa Elevator.

Takeshi Kitano e a tropa asiática. A presenza de Asia está garantida no festival. Nesta ocasión pasaranse Serbis, do filipino Brillante Mendoza, varios filmes xaponeses e coreanos e un programa especial dedicado ao máis popular dos directores nipóns actuais, Takeshi Kitano.

As retrospectivas da contraola. As retrospectivas habituais están dedicadas desta volta a dous nomes da chamada “contraola” do cine francés. De Arnaud Desplechin proxectarase a súa filmografía completa, mentres que de Claire Denis se poderán ver os filmes que dirixiu na última década.

E para quen todo isto lle saiba a pouco, aínda ten dúas opcións extra: festexar as entregas dos premios Cineuropa á actriz Mabel Rivera e ao director Fernando Trueba, e asistir á inesgotábel sesión de cine fantástico e de terror da Maratón do festival, culminada como sempre por unha película sorpresa.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"A cinta branca", de Michael Haneke
"A cinta branca", de Michael Haneke
"Serbis", de Brillante Mendoza
"Serbis", de Brillante Mendoza
"Crebinsky", de Enrique Otero
"Crebinsky", de Enrique Otero