Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Anteproxecto da lei eólica

O novo reparto adiará a 2012 a entrada en funcionamento dos parques

A Xunta fará a redistribución dos megavatios concedidos na anterior lexislatura entre mediados e finais de 2011, de xeito que os parques comezarán a funcionar en 2012.

Redacción - 19:00 29/10/2009

Con atraso sobre o calendario anunciado o pasado mes de agosto, cando o Goberno confirmaba a intención de derrogar o concurso eólico deseñado polo bipartito, será arredor de 2012 cando comecen a funcionar os novos parques. Con todo, insistiu o conselleiro de Economía, Xavier Guerra, "será sempre antes que co anterior decreto".

A nova lei eólica será tramitada no Parlamento pola vía de urxencia, e planifica a repartición eólica en dez zonas que, á súa vez, estarán subdividas en áreas xeográficas. "Haberá dez zonas, subdivididas en áreas, e cada unha terá o seu propio concurso", explicou Guerra, aínda que, posteriormente, desde o seu departamento aclaraban que o conselleiro se refería "a paquetes" que se incluirán nunha única convocatoria concursal. Subliñou Guerra que esta lei dará "carpetazo" ao que cualificou de "polémico, conflitivo e ilegal" decreto autorizado polo bipartito. Na súa opinión, servirá para que Galiza "recupere o liderado enerxético nos ámbitos europeo e mundial".

A lei fixa fianzas do 2% sobre o proxecto até que o plan industrial estea finalizado, co obxectivo de "impedir a especulación" que podería xerarse coa transmisión dos parques eólicos. O conselleiro tamén teimou en que a "seguridade xurídica estará garantida", desbotando a participación pública e destacando o mecanismo de compensación en forma de canon. Doutra banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, defendeu que a norma foi elaborada "baixo tres salvagardas: a legalidade, a defensa dos intereses dos galegos e cumprir a palabra dada". Ademais, revelou que a Xunta consultou a un total de "seis expertos" das universidades de Santiago de Compostela, a Carlos III e a Complutense de Madrid que, segundo explicou o presidente, "avalaron" o "rigor técnico e a seguridade xurídica" da nova lei, traballando "dende a máis absoluta neutralidade e imparcialidade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: