Os tres grupos deciden por unanimidade reclamar á Xunta que negocie co Estado para que defensa a fin do bloqueo da construción naval civil en Fene.
Os tres grupos pídenlle á Xunta que negocie co goberno español para que defenda a fin do veto
Os tres partidos políticos, PPdeG, PSdeG e BNG, volveron reclamar á Xunta que negocie co goberno español para que, á súa vez, defenda o desbloqueo do estaleiro de Navantia (Fene) para a construción de buques civís. Con todo, malia a unanimidade na votación, os grupos escenificaron as súas discrepancias sobre a responsabilidade do veto e sobre as súas consecuencias.
Para o PP, inactividade do goberno estatal
A deputada popular, Ánxeles Díaz, recordou aos socialistas que o contido desta iniciativa "é practicamente idéntico ao da proposición non de lei do Grupo Popular aprobada na Comisión de Industria, do pasado día 22 coa abstención do PSdeG e os votos favorábeis de PP e BNG". Para os populares, "esta contradición é unha máis" das apreciadas "en distintas manifestacións dos responsábeis socialistas" en relación con Navantia e acusa ao goberno estatal de inactividade recordando que "nada se ten feito malia as iniciativas aprobadas con anterioridade".
Pola súa parte, o portavoz do PSdeG, Abel Losada, explicou que na anterior iniciativa non se incluía o concepto "instar á Xunta", algo que considerou "moi importante". Ademais, lamentou que o Goberno tardase seis meses en tomar a iniciativa neste tema e lembrou que na lexislatura pasada "os populares pedían case instalar unha tenda de campaña ante a SEPI para instar a renegociar o veto".
Os socialistas recordan a Aznar
Losada lembrou que foi na época do goberno popular no Estado Español (1996-2004) cando por mor da "nefasta xestión" dos seus dirixentes, do Ministerio de Economía e Facenda e a propia SEPI, "vímonos obrigados a acadar un acordo coa UE para evitar a devolución das axudas, recibidas polos estaleiros".
Esta culpabilidade foi negada pola deputada popular, quen subliñou que nese período se volveu á "carga de traballo necesaria", despois da reconversión industrial de 1984. "Serviron", dixo, "para que a comarca de Ferrolterra rexurdise e vivise un momento doce". Así acusou ao goberno socialista de Rodríguez Zapatero de "pactar a non devolución das axudas a cambio de que o estaleiro deixase a construción civil".
Para o BNG, un problema político
Finalmente, o parlamentario nacionalista, Anxo Quintana, reclamou aos diputados que, ademais da aprobación desta iniciativa debería traballarse nun consenso sobre "a diagnose". Alertou de que "o problema de Navantia non é técnico nin económico, senón político, como o foi sempre".
Así, subliñou que dende o ano 1996 "pasaron gobernos do PSOE e do PP, con maiorías absolutas e relativas e o veto non se solucionou". Concluíu que esta é unha consecuencia máis do problema que padece Galiza: "a súa irrelevancia no Estado e na Unión Europea".