Mañá xoves 29 de outubro, as 20.00 horas, desde o parque San Lázaro partirá unha vez máis, coas intencións de sempre, a Masa Crítica.
En Vigo, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo e agora Ourense, a xente xúntase, un día ao mes, nun lugar da cidade, para dar un paseo en bicicleta. Trátase dunha "Bicifestación" pacífica que percorre as arterias das cidades de todo o mundo reclamando máis espazos públicos, menos contaminación, mobilidade máis sostible, menos ruído, maior seguridade, menor velocidade, máis saúde, menos coches nas rúas, máis espazos para camiñar, menos espazos para aparcar.
Sabemos o que queremos:
Pedimos máis carril bici, máis rúas peonís, mellores transportes colectivos, máis aparcadoiros disuasorios nas aforas da cidade, limitación ao tráfico polo centro, aparcadoiros para motocicletas e bicicletas, máis campañas de sensibilización.
En Ourense, colectivos e cidadáns únense os últimos xoves de cada mes en fronte á subdelegación do goberno ás 20.00h para gozar dun reivindicativo e lúdico paseo en bicicleta.
Invitamos a todo o mundo a participar.