Amnistía Internacional (AI) denuncia nun informe o bloqueo e control total sobre os recursos hídricos.
Os israelís reciben 300 litros de auga diarios, mentres que os palestinos non superan os 70 litros ao día
O consumo diario de auga dos israelís en Cisxordania é catro veces superior ao dos palestinos, unha situación que obedece ao bloqueo dos recursos hídricos por parte dos primeiros. Isto é o que denuncia a organización de defensa dos dereitos humanos, Amnistía Internacional (AI). Nun elaborado informe, acusan a Israel de impedirlles o acceso á auga potábel e de manter un control total sobre os recursos compartidos, de tal xeito que "levaron as infraestruturas hídricas e os sumidoiros a un punto crítico".
En cifras exactas, os israelís reciben 300 litros de auga diarios, mentres que os palestinos non superan os 70 litros ao día. Ademais, segundo o informe, algúns palestinos das áreas rurais apenas reciben 20 litros ao día, o mínimo recomendado mesmo en situacións de emerxencia humanitaria. Pola contra, as autoridades israelís afirman que estes datos son falsos e aseguran que os palestinos teñen acceso a máis auga da prevista no acordo de paz de Oslo (1993).
Auga contaminada
Doutra banda, AI informa de que neste territorio palestino, entre o 90% e o 95% da auga provén dun único acuífero, que está contaminado e non é apto para o consumo humano. Con todo, Israel non permite a transferencia de auga dende Cisxordania. Ademais, os palestinos non teñen acceso tampouco a materiais de construción que lle permita escavar pozos e os seus depósitos de auga foron comisados. Pola súa parte, os colonos israelís contan con "explotacións de regadío intensivo, xardíns frondosos e piscinas", di AI.
En contestación, o portavoz do goberno israelí, Mark Regev, acusou aos palestinos de xestionar mal a auga e asegura que os datos do informe son inexactos. Nesta liña, tamén negou que o seu goberno estea impedindo a construción de pozos.