Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival internacional

Galego de Valdeorras con subtítulos en friulano

'Pradolongo' abrirá o 25 de novembro a Mostra de Cine de Udin, dedicada ás linguas europeas minorizadas.

Redacción - 12:30 27/10/2009

Pradolongo será o primeiro filme galego que se exhibirá con subtítulos en friulano. A longametraxe de Ignacio Vilar, rodada integramente en lingua galega na comarca de Valdeorras, abrirá o 25 de novembro a primeira edición da Mostra dal Cine de Udin, un certame de carácter bienal con vocación de ser o escaparate da cinematografía europea rodada en linguas minorizadas.

O festival celébrase do 25 ao 28 de novembro en Udin, a principal cidade do Friûl, país situado no nordeste do estado italiano. Alí se fala friulano, unha lingua emparentada co romanche e o ladino que conta con case 800 mil falantes. En friulano escribiu Pier Paolo Pasolini parte da súa obra poética.

Pradolongo chega ao Friûl logo de percorrer varios festivais do mundo. Os últimos nos que participou foron o Moondance International Film Festival de Colorado, onde foi premiado pola súa banda sonora; o Park City Film Music Festival de Utah, onde recibiu o galardón Director´s Choice Gold Medal for Excellence; e no Napa Sonoma Wine Country Film Festival, onde participou nunha sección dedicada a filmes que amosan inquietudes pola ecoloxía e o medio ambiente.

De Toquio a Valladolid
O periplo de 'Pradolongo' coincide nun momento no que se multiplican as producións galegas que se exhiben e reciben recoñecemento en festivais de medio mundo. É o caso de Relatos, de Mario Iglesias, que a semana pasada abriu o Tokyo International Film Festival, a principal mostra cinematográfica de Asia. Coproducións galegas como Cela 211, Auga fría de mar, Un bo home, ou CheckPoint Rock tamén participaron nos últimos meses en diversos festivais e mostras de Europa e América. E esta semana desenvólvese en Valladolid a Seminci, cunha interesante representación galega.

A Seminci inclúe na súa sección oficial Estigmas, unha coprodución galega de ficción dirixida por Adán Aliaga. Nas seccións paralelas poden verse os documentais Señora de, dirixido por Patricia Ferreira, e Eloxio da distancia, de Felipe Vega; e as curtametraxes Padre modelo, de Alejandro Marzoa, e Eles teñen que xogar, de Nancho Novo.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: