Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Linguas minorizadas

Queremos occitano!

Milleiros de persoas maniféstanse en Carcassona (Occitania) para lle exixir ao Estado francés que protexa e lle dea pulo ao seu idioma na escola e nos medios.

Redacción - 19:00 26/10/2009
"A lingua occitana é a nosa"

"A lingua occitana é a nosa"

Milleiros de persoas -20 mil segundo a organización, 14 mil segundo a policía- marcharon este sábado á tarde polas rúas de Carcassona para reivindicar que o Estado francés se implique na defensa da lingua occitana, na súa promoción no ensino e nos medios de comunicación.

Nun ambiente festivo, portando bandeiras da Occitánia e cartaces reivindicativos, os manifestantes percorreron a capital do departamento francés de Aude convocados pola plataforma Anem Oc! (Cara a adiante pola Occitania!) e chegados de diversas partes do territorio onde se fala o occitano.

Entre os participantes, salientaba a presencia do vicealcalde de Carcassona, Jean-Claude Pérez (PS) e o eurodeputado de Os Verdes-ALE, José Bové. "O Estado francés non cumpriu a súa palabra de trasladar ao dereito francés a Carta Europea das Linguas, é unha Europa das rexións a que imos construír, e non se detén nas fronteiras estatais ", sinalou este último.

"Estamos cansos de non sermos escoitados por un Estado que non atende a xente que pide escolas e medios de comunicación occitanos", declarou en conferencia de prensa antes do evento, David Grosclaude, presidente do Institut d'Estudis Occitans. "Fomos pacientes, mais chegou o momento de sermos máis enérxicos para nos facer entender", advertiu.

Pola súa banda, Jean-Louis Blénet, presidente da confederación de Calandretas (escolas asociativas bilingües occitanas), adiantou a súa vontade de se coordinaren con outras linguas minorizadas do Estado francés.

Os manifestantes reclamaron o recoñecemento escrito do estatus legal destas linguas minorizadas, a creación dunha radio e unha televisión públicas en occitano e a instauración dunha "política lingüística ambiciosa" que leve a desenvolver o ensino en occitano a través da inmersión lingüística ou da paridade horaria co francés.


Máis información:


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: