Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Gaña Frente Amplio, mais haberá segunda volta

Uruguai: Nin voto por correo, nin xuízos aos represores da ditadura

Os 600 mil residentes no exterior non poderán emitir sufraxio a partir de 2014, nin se anulará a Lei de Caducidade que deixou impunes os crimes de Estado.

Redacción - 09:00 26/10/2009
A 'Lei de Impunidade' seguirá vixente

A 'Lei de Impunidade' seguirá vixente

O 48% dos uruguaios dixéronlle 'Non' aos dous plebiscitos que se puxeron en xogo nos comicios deste domingo, con perto da metade do sufraxio escrutado. Xa que logo, non haberá voto por correo para os 600 mil residentes no exterior a partir de 2014, nin se anulará a Lei de Caducidade que deixou impunes os crimes de Estado da ditadura.

Luis Puig, voceiro da Coordinadora pola Nulidade da Lei de Caducidade, a coñecida como 'Lei de Impunidade', admitiu o fracaso, aínda que nun primeiro momento os datos parecían outorgar o triunfo do 'Si' ao final da impunidade das violacións de dereitos humanos por parte de policías e militares ao servizo da ditadura (1973-1985).

Porén, Puig sinalou que "a loita pola verdade e a xustiza non remata nin se menoscaba" con este resultado desfavorábel e deixou en mans dos procesos particulares a posibilidade de que a Xustiza actúe.

A Coordinadora pola Nulidade da Lei de Caducidade foi a principal impulsora da reunión das 255 mil firmas necesarias para convocar o plebiscito organizado de xeito simultáneo ás eleccións presidenciais e á consulta popular sobre a habilitación do voto por correo, que segundo apuntan os primeiros datos tamén fracasou, con apenas o 38% de apoio.

Vitoria do Frente Amplio
Ademais, o Frente Amplio venceu nos comicios xerais en Uruguai, mais o seu candidato á Presidencia, o ex guerrilleiro tupamaro José Mujica, verase na obriga de librar a súa última batalla co conservador Luis Alberto Lacalle nunha segunda volta o 29 de novembro.

Co 46% dos votos escrutados, a coalición de esquerdas no poder logrou un respaldo do 43% dos votantes e, aínda que terá maioría no Parlamento, agora terá que afrontar unha posíbel alianza entre Lacalle, candidato do Partido Nacional ou "Blanco" (32%), co outro líder de dereita, o aspirante do Partido Colorado, Pedro Bordaberry.

"Falei con Pedro Bordaberry e estamos coordinando accións inmediatas", dixo Lacalle na súa comparecencia ante os medios logo de coñecer os primeiros datos. "Seguiremos loitando", foi a mensaxe central de Mujica, que recordou aos seus votantes: "Ninguén nunca nos regalou nada".


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pepe Mujica conseguiu o 43% do voto, insuficiente para evitar a temida segunda volta o 29 de novembro
Pepe Mujica conseguiu o 43% do voto, insuficiente para evitar a temida segunda volta o 29 de novembro
O candidato do Partido Nacional, Lacalle aspira a sumar os votos do Partido Colorado na segunda volta
O candidato do Partido Nacional, Lacalle aspira a sumar os votos do Partido Colorado na segunda volta