Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Avance da programación

Philipp Glass, Knopler, o festival Sonar e Iker Casillas no Xacobeo 2010

O conselleiro de Cultura cualificou o programa de “necesariamente ambicioso e decididamente plural”.

Redacción - 17:00 20/10/2009

O Xacobeo 2010 acaba de descubrir as súas cartas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e o titular de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentaron este martes un avance da programación, que Varela cualificou de “necesariamente ambiciosa e decididamente plural”. Diante dun auditorio formado por medios de comunicación, representantes da cultura e responsables políticos, militares e relixiosos, Feijoo definiu o Xacobeo como “un dos símbolos que serven de alicerce á nosa civilización”, e remarcou que “a nova Europa terá, o próximo ano, a súa capital en Galiza”.

O conselleiro de Cultura concibe o Xacobeo como a oportunidade de converter Galiza “no centro do mundo, nun espazo privilexiado de debate social, científico e cultural”. Presentouno como un evento para unir “modernidade e tradición, o propio e o alleo”, e promover internacionalmente a imaxe de Galiza a través de eventos “únicos”.

Da MTV ao Cirque du Soleil
Da relación de actividades que formarán a programación do Xacobeo 2010, Roberto Varela avanzou algunhas das máis destacadas. A Coruña acollerá do 17 ao 19 e xuño a primeira edición que o festival de música electrónica Sonar realizará fóra de Barcelona. Tamén haberá un Festival 40 Principales e un concerto MTV Galicia, con “actuacións de artistas de relevancia internacional retransmitidas a todo o mundo”. Xunto ao xa previsto concerto de Mark Knopfler, anunciou os de Vetiver, que tocarán xa o 2 de decembro deste ano en Pontevedra, e Mudhoney. A consellería especificou que na programación musical “os creadores galegos ocuparán sempre un papel protagonista”. Berrogüeto, Luar na Lubre, Susana Seivane, Cristina Pato, Bonovo, Fuxan os Ventos e Leilía xirarán por varias localidades.

No terreo da música clásica e contemporánea, o conselleiro anunciou a presenza de figuras internacionais da música clásica e contemporánea: Philipp Glass, o pianista Lang Lang, a violinista Anne-Sophie Mutter, o director de orquestra Zubin Metha ou a versión de Parsifal dirixida por Vasily Petrenko. Os espectáculos de artes escénicas previstos inclúen as compañías Cirque du Soleil, Merce Cunningham Dance Company e Mayumaná.

No Xacobeo 2010 haberá exposicións fotográficas concibidas para o evento a cargo de Candida Hoffer, Pierre Gonnord ou Cristina García Rodero. E estrearase a produción galega O apóstolo, anunciada como a primeira película europea de animación en 3D.

Deportistas para o Ano Santo
A programación do Xacobeo inclúe tamén congresos, actos litúrxicos, encontros relixiosos e gastronómicos, a Semana da Novela Histórica, actividades nas escolas e un programa deportivo ao que a Xunta dá moita importancia. Rafa Nadal e Iker Casillas participarán na actividade multideportiva “Por un mundo sen malaria”, e o nadador David Meca cruzará a ría de Arousa na “travesía a nado do Camiño de Santiago”.

Ao remate do acto de presentación, Núñez Feijoo, activou un reloxo que sinala o tempo restante para o comezo do 2010. Desde a Alameda de Santiago marcará a conta atrás.


1/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Núñez Feijoo na presentación do Xacobeo 2010
Núñez Feijoo na presentación do Xacobeo 2010
O Cirque du Soleil, incluído na programación
O Cirque du Soleil, incluído na programación