O exército estadounidense asegurou que non levaba armamento nuclear. É o segundo accidente dun vehículo con ese tipo de cargamento no último ano.
Estado en que quedou o vehículo / US Air Force
O condutor dun tráiler que transportaba mísiles de longo alcance perdeu o control do vehículo por culpa dun insecto. O camión envorcou, a piques de causar un desastroso accidente. Aínda que pareza unha historia de filme de serie B, aconteceu este mesmo mes en Dacota do Norte, Estados Unidos.
O incidente provocouno un "grande insecto" que aterrou nas costas do condutor. Foi o segundo accidente deste tipo que se produciu en menos dun ano. En xullo, as Forzas Aéreas dos EUA tiveron que recuperar un camión que portaba un lanzamísiles e que se saíra dunha pista. A operación custara 5,6 millóns de dólares (3,7 millóns de euros).
Aínda que o exército estadounidense insistiu en que ningún dos dous vehículos sinistrados levaba armas nucleares, o certo é que a base á que se dirixían si dispón dese tipo de armamento. Un accidente con armamento atómico de por medio podería ter acadado dimensións tráxicas.