A crise aféctalle especialmente a R e aos operadores minoritarios, mentres Telefónica aumenta lixeiramente a súa popularidade.
No último ano aumentou a desconfianza nos operadores de telecomunicacións. Esta situación afectoulle especialmente ao operador de cable R fronte a Telefónica. O segundo Estudo sobre Confianza dos Usuarios nos Operadores de Telecomunicacións, elaborado, entre outras entidades, pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGal), reflicte que o 16,6% das persoas enquisadas desconfían de todas as empresas de comunicacións, o dobre ca no ano anterior.
A nivel estatal sofren fortes caídas Orange, Tele2, Jazztel e Yacom, de entre o 20 e o 60%. Porén, Telefónica aumenta lixeiramente o seu nivel de confianza, superando o 51%. O mesmo acontece en Galiza, onde chega até o 43,1% dende o 42% do ano anterior. R é o segundo máis valorado, cun descenso dende o 24,8 ao 20,2%. Peor aínda é a situación dos operadores marcados como "Outros", que descenden do 15,8 ao 8,3%.
A UCGal interpreta que a avultada porcentaxe de respostas que non sinalan ningún operador ou que non saben ou non contestan debe servirlles de claro aviso aos operadores para que modifiquen ou estimulen a súa política de atención ao cliente, tendo en conta que xa hai anos que as telecomunicacións ocupan un lugar destacado na clasificación de reclamacións de consumo.