Todos os documentos oficiais da Unión dende hai medio século abriranse ao acceso público e sumaranse aos fondos de Europeana.
A Unión Europea anunciou este domingo na Feira do Libro de Frankfurt o lanzamento da súa propia biblioteca dixital con toda a documentación oficial publicada nos últimos 50 anos. Son, en total, máis de 12 millóns de páxinas escaneadas e que poden descargar de balde as persoas interesadas. O documento máis antigo data de 1952 e é un discurso de Jean Monnet na inauguración da Alta Autoridade da Comunidade do Carbón e do Aceiro, que acabaría transformándose na UE.
Segundo o comisario para o multilingüismo, Leonard Orban, "a biblioteca dixital ceiba a memoria da Unión Europea, vinculada ao papel dende o seu comezo". "Os millóns de páxinas agora accesíbeis para calquera nas 23 linguas oficiais demostran o compromiso continuado da UE para preservar e promover a historia da Unión na súa diversidade lingüística", engadiu. De feito, ademais das 23 linguas oficiais, hai textos en chinés, ruso e outras 20 linguas.
O traballo de dixitalizar o equivalente a catro quilómetros de andeis comezou en febreiro de 2008 e custou arredor de 2,5 millóns de euros. O seu resultado será incluído tamén en Europeana, o mastodóntico proxecto destinado a converter ao formato dixital diversas bibliotecas e museos europeos. O movemento chega no momento en que editores europeos amosaron a súa oposición ao proxecto de Google de poñer na rede libros de balde.