"O proceso de diálogo iniciado pola OEA queda definitivamente roto", confirmou a delegación de Zelaya.
Hai xa case catro meses do golpe
A comezos de semana eran os delegados de Manuel Zelaya os que avanzaban unha postura común, desmentida polo goberno golpista. Este venres, a ministra de Exteriores do goberno constitucional, Patricia Rodas, anunciou que o proceso de diálogo quedara "definitivamente roto" pola "intransixencia" do executivo de Micheletti a aceptar a restitución de Zelaya no poder.
"Esta tarde, o proceso de diálogo iniciado pola Organización de Estados Americanos (OEA) a instancia dos nosos chanceleres quedou definitivamente roto", declarou Rodas durante a súa intervención no primeiro pleno da cimeira da ALBA na cidade boliviana de Cochabamba.
Rodas pronunciouse sobre a cuestión mentres continuaba formalmente a mesa de diálogo en Honduras entre delegados do deposto presidente Manuel Zelaya e do goberno golpista, sen que se albiscase un principio de acordo en canto ao tema da restitución do primeiro.
"A intransixencia da ditadura fíxoo fracasar na súa parte medular, irrenunciábel e inclaudicábel para o presidente Zelaya, que é a restitución", agregou ao propor ao encontro unha resolución de rexeitamento ás eleccións que pretende realizar o goberno de Micheletti.
Rodas sinalou que o fracaso do diálogo era "previsible" e que a postura do goberno instaurado pola forza militar desde o 28 de xuño en Tegucigalpa era "absolutamente inaceptábel para o pobo hondureño, unha burla contra os esforzos patrióticos".